O conselleiro de Educación visita centros educativos da comarca de Chantada

Xesús Vázquez Abad estivo no IES Lama das Quendas, en Chantada, e no CPI San Tomé de Carballo, de Taboada

Mar, 01/03/2011 - 11:49
Xesús Vázquez Abad, durante a súa visita aos centros da comarca de Chantada
Xesús Vázquez Abad, durante a súa visita aos centros da comarca de Chantada

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe pola mañá as instalacións do IES Lama das Quendas de Chantada, e do CPI San Tomé de Carballo, en Taboada. No seu percorrido Vázquez Abad estivo acompañado pola delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias; polo xefe territorial de Educación na provincia, José Jesús Ramos Ledo; e por membros da do equipo directivo e da comunidade educativas de ambos os dous centros.

A primeira hora da mañá o conselleiro visitou o instituto Lama das Quendas, no que estudan 309 alumnas e alumnos de ESO e Bacharelato e 36 de ensinanzas para adultos.

Vázquez Abad lembrou que este IES participa das iniciativas máis innovadoras impulsadas pola Consellería de Educación. Así, o centro está implicado no Proxecto Abalar, grazas ao cal as alumnas e alumnos de 1º da ESO contan este curso con cadanseu ordenador ultraportátil na aula, o que supuxo unha inversión de máis de 37.700 euros. Doutra banda, o instituto chantadino conta tamén cunha sección bilingüe en inglés, na materia de Obradoiro de iniciativas emprendedoras, en 3º da ESO.

Taboada

A media mañá Vázquez Abad desprazouse ata o CPI San Tomé de Carballo, en Taboada, no que cursan estudos 187 alumnas e alumnos de infantil, primaria e ESO. O conselleiro interesouse polo funcionamento das dúas seccións bilingües en linguas inglesa que funcionan este curso no CPI de San Tomé, nas materias de Educación artística de 6º de Primaria e de Educación plástica de 1º da ESO.

Vázquez Abad destacou en ambos os centros a importancia das súas bibliotecas escolares, inseridas no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), do que teñen recibido un total de 38.470 euros. Grazas a esta achega da Consellería de Educación o alumnado destes centros educativos desenvolven diferentes iniciativas que redundan na mellora das súas competencias lectoras e no seu gusto por ler.

Con estas visitas a Consellería de Educación recalca o seu compromiso cos centros de ensino da comarca chantadina. Neste sentido Vázquez Abad lembrou que a Consellería investiu no 2010 máis 92.900 euros en obras nos CEIPs chantadinos Xoán de Requeixo e Eloísa de Rivadulla, ambos de Chantada. Así, no Eloísa Rivadulla melloráronse os baños do ximnasio e a aula de usos múltiples, e adaptouse a varanda de escaleiras do centro. Este investimento permitiu tamén levar a cabo a reposición da cuberta do edificio vello do centro Xoán de Requeixo.

Ademais, o conselleiro continúa a coñecer de primeira man a situación e as necesidades particulares dos centros educativos de toda Galicia.

Declaracións do conselleiro de Educación