A Consellería de Educación participa nas I Xornadas de orientación académica e profesional, celebradas en Cangas

O director xeral de Centros e Recursos Humanos asistiu a este encontro no que participan varios centros educativos

Mar, 01/03/2011 - 11:21

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, representou hoxe á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria nas I Xornadas de Orientación Académica e Profesional, que se celebran ata o vindeiro 3 de marzo no Auditorio Municipal de Cangas, en Pontevedra.

O director xeral destacou a importancia deste encontro “para que cada alumno teña máis doado marcar unha liña clara para o seu futuro académico e profesional”, xa que “escoller ben este camiño vai ser fundamental para os estudantes en particular e para a sociedade en xeral”.

Ademais, José Manuel Pinal incidiu en que “a formación non remata no instituto nin na Universidade, senón que debe ser permanente, é dicir ao longo da vida, pois sempre xurden ocasións que nos inducen a formarnos para o desenvolvemento do noso traballo”. “A educación e a formación son un medio imprescindible para promover a cohesión social , a cidadanía activa e a realización persoal e profesional , a adaptabilidade e a empregabilidade", concluíu”.

Mesas redondas

Estas xornadas de orientación académica e profesional están dirixidas a familias, profesionais do ensino e alumnado, fundamentalmente de 4º da ESO, programas de cualificación profesional inicial, ciclos formativos, bacharelato e educación de adultos. Nelas participan oito centros educativos de Moaña – IES As Barxas e A Paralaia-, Bueu – IES Illa de Ons e Johan Carballeira-, Cangas –IES María Soliño, de Rodeira e Monte Carrasco-, Vilaboa – CPI do Toural-, Redondela -IES Chapela-, e de Vigo - IES Ricardo Mella e CIFP Carlos Oroza.

O encontro rematará o vindeiro xoves 3 de marzo, e durante os tres días desenvolveranse diversas mesas redondas nas que se prestará orientación aos participantes sobre estudos universitarios de grao, ciclos formativos de grao medio e superior, ensinanzas profesionais de Artes Plásticas, estudos de arte dramático, ensinanzas técnico-deportivas ou artísticas superiores de grao en Deseño.

Ademais abordaranse aspectos fundamentais na vida académica do alumnado como son as probas de acceso aos estudos universitarios, o acceso ao mundo laboral, e a formación ocupacional. Na última xornada presentaranse as utilidade do Plan de Emprendemento do Sistema Educativo de Galicia ‘eduemprende’.