As bibliotecas conmemoran o Día do Usuario/a con actividades e recoñecementos para os lectores máis activos

As bibliotecas centrais territoriais e a Biblioteca de Galicia promoven arredor do 11 de xaneiro unha programación especial para celebrar esta data, que abre o Calendario do Libro e da Lectura 2016

Visitas guiadas, obradoiros, incremento do número de préstamos e sorteos de libros son as principais propostas da programación, que rematará o sábado 14 de xaneiro, ás 18:30 horas, na Biblioteca de Galicia, cun recital poético-multimedia a cargo de Yolanda Castaño

Mar, 10/01/2017 - 19:00
As bibliotecas conmemoran o Día do Usuario/a con actividades e recoñecementos para os lectores máis activos

Con motivo do Día do Usuario/a das Bibliotecas, o 11 de xaneiro, as bibliotecas centrais territoriais das cidades galegas e a Biblioteca de Galicia, en Santiago de Compostela, organizan diversas iniciativas dirixidas a todos os públicos para promover a celebración desta data, coa que abre o Calendario do Libro e da Lectura 2017.

Visitas guiadas para dar a coñecer os servizos que ofrece cada centro, obradoiros, mostras bibliográficas, recoñecementos para os lectores máis activos e agasallos para as persoas que se acheguen mañá ás bibliotecas centran a propostas conmemorativas das bibliotecas públicas de Ourense e de Lugo, da Biblioteca Pública de Compostela Ánxel Casal, da Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés, da Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel, da Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola e mais da Biblioteca de Galicia, centros que xestiona a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Cultura.

Visitas guiadas durante toda a xornada

Non faltarán durante a xornada de mañá as visitas guiadas para dar a coñecer entre a cidadanía as instalacións e os servizos que ofrecen as bibliotecas. En Santiago de Compostela, a Biblioteca de Galicia e a Biblioteca Pública Ánxel Casal propoñen percorridos ás 12:00 horas. A Biblioteca Pública de Ourense programa visitas ás 10:30 e ás 16:30 horas para o público adulto e infantil, mentres que, en Lugo, haberá unha xornada de portas abertas ás 12:00 horas. No caso da Biblioteca Pública de Pontevedra, as visitas guiadas serán ás 11:00 e ás 18:30 horas e, na Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel hai visitas programadas ás 12:00 e ás 18:00 horas.

Incremento do número de obras en préstamo

Para recoñecer os seus usuarios e usuarias máis activos en 2016, as bibliotecas tamén teñen programadas diversas iniciativas, entre as que destacan o nomeamento dos seus lectores e lectoras de honra e a entrega de carnés de superlectores, condición que lles permitirá levar máis obras en préstamo durante todo este ano. Tamén gozarán desta posibilidade os usuarios e usuarias que se acheguen mañá ás bibliotecas para celebrar esta data, ao se incrementar durante toda a xornada o número de obras para levar en préstamo.

Tampouco faltarán agasallos, sorteos de libros e mais propostas para que os máis novos lle dean renda solta á súa creatividade, cun obradoiro de expresión artística na Biblioteca de Pública de Ourense, ás 18:00 horas, para nenos e nenas de 7 a 12 anos, previa inscrición.

Peche da programación con Yolanda Castaño

O peche da programación arredor do Día do Usuario/a das Bibliotecas terá lugar o sábado 14 de xaneiro, ás 18:30 horas, na Biblioteca de Galicia, onde Yolanda Castaño, unha das voces máis salientables da literatura galega actual, ofrecerá un recital poético-multimedia no que os seus versos dialogarán coa lingua audiovisual e a tecnoloxía. A asistencia ao espectáculo é de balde, previa inscrición a través deste sitio web.