A Consellería de Educación organiza once cursos de hixiene alimentaria para o persoal de cociña

As clases van destinadas a manipuladores de alimentos e serán impartidas en distintos centros educativos de Galicia

Dom, 27/02/2011 - 13:58

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de anunciar a organización de cursos de “Hixiene alimentaria para manipuladores de alimentos”, que se celebrarán en centros educativos públicos de distintas localidades de Galicia.

Os 247 interesados nestes once cursos son persoal de cociña que esta prestando o seu servizo nos comedores escolares de xestión directa. Os asistentes acudirán a aqueles centros que lles correspondan e que se distribuirán por criterios de proximidade ás zonas de residencia.

Os once cursos

O obxectivo destes cursos é facilitar o coñecemento e fomentar o cumprimento das normas de hixiene alimentaria entre os seus traballadores, ao tempo que se lles posibilita a obtención ou renovación do certificado de manipulador de alimentos.

No curso tratáranse as nocións básicas de riscos laborais en cociñas e comedores escolares; os perigos e riscos nos alimentos; a identificación de perigos; así como as principais enfermidades que poden ser transmitidas polos alimentos e as prácticas correctas de hixiene e manipulación.

Asemade os asistentes a estes cursos de formación recibirán información relativa ás necesidades concretas que presentan os estudantes celíacos, e cuxa dieta é distinta nalgúns puntos á dos seus compañeiros.

Coa organización deste curso a Consellería da resposta as demandas do persoal de cociña que solicitaba formación nesta materia. Deste xeito Educación volve a demostrar o seu compromiso con toda a comunidade educativa e neste caso en concreto con este colectivo de traballadores de comedores.