O conselleiro de Educación visita as instalacións do CPI de Fonte-Díaz, en Touro

En vindeiras datas comezaran as obras de mellora na cuberta do pavillón, cun orzamento de 43.000 euros

Lun, 28/02/2011 - 13:56
Xesús Vázquez durante a visita ao CPI Fonte Díaz de Touro
Xesús Vázquez durante a visita ao CPI Fonte-Díaz de Touro

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe pola mañá o CPI de Fonte-Díaz, en Touro. Durante o percorrido polas instalacións estivo acompañado polo delegado da Xunta na Coruña, Diego Calvo; e a xefa territorial na provincia, María Teresa Villaverde Pais; así como polo director do centro, Roberto Luís Casal Devesa, e distintos membros do equipo educativo. Neste colexio estudan 63 alumnas e alumnos en infantil; 119 en educación primaria e 123 en ESO.

Durante a súa visita o conselleiro recordou que “en vindeiras datas comezarán as obras de mellora na cuberta do pavillón. Unha actuación que ten orzamentados 43.000 euros destinados á mellora dunha instalación á que lle dan uso todos os estudantes”. Asemade lembrou que “a Consellería vén de investir preto de 112.000 euros en distintas actuacións de mellora no centro, entre as que se inclúen o Proxecto Abalar en dúas aulas de 5º de primaria e 1º da ESO”, un proxecto que será ampliado segundo se fixo oficial no Consello da Xunta da semana pasada, a 6º de primaria e 2º da ESO. O conselleiro lembrou tamén que o de Fonte Díaz é un centro plurilingüe, en inglés, no curso 1º de primaria, “ e que ademais conta cun auxiliar de conversa de inglés”.

Cómpre destacar que no centro xa se realizaron obras de mellora como a instalación do gas, así como diversas actuacións relativas á cuberta, ao exterior e á cociña do colexio. Neste sentido o conselleiro quixo destacar a colaboración do Concello nos traballos de rehabilitación da fachada.

Ademais, é salientable que o centro ten recibidos preto de 13.000 euros para a mellora da biblioteca escolar, un espazo que, tal e como sinalou Vázquez Abad, “é moi importante nos recintos educativos xa que nel se desenvolven numerosas iniciativas destinadas a completar a formación do alumnado”.

Con esta visita o conselleiro continúa a coñecer de primeira man a situación dos centros educativos da provincia da Coruña, así como as súas necesidades e as opinións das respectivas comunidades educativas.