Cultura e Educación publica dúas novas convocatorias de dinamización lingüística nos centros educativos

Trátase da destinada á realización de proxectos de innovación educativa e do concurso Nós tamén creamos! de curtas de animación en galego

Ambas as iniciativas son un medio de recoñecemento e de apoio ao labor realizado polos equipos de promoción e fomento do noso idioma

Xov, 22/12/2016 - 13:25

O Portal da Lingua Galega e o Portal Educativo publican hoxe dúas convocatorias conxuntas da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Consellería de Cultura e Educación destinadas a promover o uso e valoración da lingua propia de Galicia nos colexios e institutos e a difundir, apoiar e recoñecer o labor dos equipos de dinamización da lingua galega.

A primeira delas é a Convocatoria para a realización de proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística para os centros docentes de titularidade da Consellería durante o curso académico 2016/2017. A segunda, a Resolución pola que se aproban as bases e se convoca o premio a curtas de animación en galego elaboradas no marco do programa Nós tamén creamos! para o curso académico 2016/2017. O prazo para presentarse a calquera destas dúas convocatorias remata o 9 de febreiro de 2017.

Innovación en dinamización lingüística

Ao abeiro da convocatoria para a realización de proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística, seleccionaranse cinco propostas de centros de titularidade da Consellería que se consideren excelentes e que se dotarán con 2000 € co fin de que sexa posible levalas á práctica.

O profesorado implicado activamente no desenvolvemento dos ditos proxectos recibirá unha certificación de Premio de Innovación Educativa cunha equivalencia de 30 horas de formación permanente do profesorado no caso da persoa coordinadora e de 20 horas para o resto dos docentes participantes.

VI edición do Premio Nós tamén creamos!

Este é xa o sexto ano en que a Consellería de Cultura e Educación, coa colaboración da Corporación Radio e Televisión de Galicia e de OQOeditora, convoca o Premio Nós tamén creamos! a curtas de animación en galego realizadas coa técnica stop-motion a partir de álbums ilustrados.

A convocatoria, dirixida tamén a centros de titularidade da Consellería, establece tres categorías para as que se convoca cadanseu premio: unha primeira destinada a curtas realizadas con alumnado do segundo ciclo de educación infantil, unha segunda para curtas elaboradas con alumnado de primeiro e de segundo de educación primaria e unha terceira destinada a curtas feitas con alumnado de terceiro e cuarto de educación primaria.

O profesorado que desenvolva os filmes que finalmente obteñan os premios, entre os que sempre debe haber un membro do equipo de dinamización da lingua galega, recibirá unha certificación de Premio de Innovación Educativa semellante á prevista para a convocatoria de proxectos de innovación.