A Consellería de Educación investirá máis de 5,3 millóns de euros na construción dun novo IES no Milladoiro

A obra foi adxudicada de forma definitiva esta semana

Sáb, 26/02/2011 - 13:49

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de dar mostra do seu compromiso coa comunidade educativa do Concello de Ames ao adxudicar esta semana de forma definitiva a construción dun novo instituto de educación secundaria no Milladoiro.

Esta obra, adxudicada por máis de 5,3 millóns de euros, constitúe un dos investimentos máis importantes en materia de edificación de centros educativos en Galicia, o que supón un importante esforzo por parte do Goberno galego no actual contexto de crise económica.

O edificio

O novo centro contará con unha superficie útil de 5.892 metros cadrados, disposta nun edificio formado por 5 volumes, deixando entre
eles patios con xardín que permiten unha boa ventilación. Esta composición facilita ademais a entrada da luz de solar nos espazos interiores, o que suporá un aforro enerxético.

A edificación principal albergará os accesos principais, os espazos de usos comúns, e os corredores e escaleiras xerais de distribución. Dispostos de forma perpendicular ao principal, dous dos restantes volumes acollerán as aulas dos cursos de educación secundaria obrigatoria; e o terceiro as de bacharelato. Nos andares superiores de cada un destes tres bloques sitúanse as aulas polivalentes, e nos inferiores as dedicadas a usos particulares como talleres de tecnoloxía, plástica, ou música.

Doutra banda, no cuarto volume situaranse os servizos comúns de comedor, cafetería e cociña, zonas de persoal e cuartos de instalacións; así como un acceso rodado que dará servizo de carga e descarga, e para o mantemento das instalacións. Neste bloque sitúase tamén a vivenda do conserxe.

O proxecto deste novo instituto contempla tamén a construción dun ximnasio comunicado co edificio principal a través dunha zona de vestiarios. Ademais haberá na zona exterior dúas pistas polideportivas cubertas, escalonadas e abertas cara as vistas da paisaxe.

Coa construción deste instituto a Consellería de Educación dá resposta ás necesidades de escolarización da zona de Ames, que quedarán así totalmente cubertas no eido da educación secundaria.