Os centros de excelencia investigadora das universidades xeraron 28 millóns de euros nos últimos tres anos

O conselleiro de Educación mantivo unha reunión cos directores dos cinco centros de investigación singulares de Galicia e das dúas agrupacións estratéxicas consolidadas que veñen de recibir senllas acreditacións

A Consellería destinará máis de 13 millóns de euros ata 2019 para impulsar a actividade destas unidades, o que beneficiará a máis de 700 investigadores

Román Rodríguez interesouse polas liñas científicas de cada un destes motores de referencia do SUG, ás que asegurou o apoio da Xunta a longo prazo

Mér, 21/12/2016 - 13:37
Os centros de excelencia investigadora das universidades xeraron 28 millóns de euros nos últimos tres anos

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo cos directores das sete unidades de investigación de referencia do Sistema Universitario de Galicia (SUG), cuxo traballo vén de ser recoñecido e impulsado na última convocatoria de apoio á investigación excelente promovida polo departamento educativo da Xunta de Galicia. En total, a Consellería destinará máis de 13 millóns de euros ata 2019 co obxectivo de, por un lado, recoñecer o importante esforzo realizado no ámbito científico por estes entes e, por outra banda, impulsar e fortalecer a súa capacidade de investigación, así como a súa posición internacional en base ao impacto que xeran os seus resultados.

Durante a xuntanza, Román Rodríguez recoñeceu o importante traballo científico, tanto a nivel de xestión como de resultados, que están levando a cabo estes centros como maiores motores da I+D+i no Sistema Universitario de Galicia. Neste sentido, cómpre destacar a súa alta capacidade de captación de proxectos de investigación –máis de 63 millóns de euros no trienio 2013-2015– e a aposta pola transferencia de resultados. De feito, o conselleiro expuxo que nese mesmo período, as diferentes investigacións destas sete unidades xeraron preto de 28 millóns de euros á sociedade, o que redunda, en definitiva, no benestar xeral da cidadanía. 

Á reunión asistiron, ademais do conselleiro e do secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, os cargos directivos dos agora acreditados como “centros de investigación singulares de Galicia”. En concreto, trátase de Manuel Penedo do CITIC (Universidade da Coruña); José Luis Mascareñas do CIQUS e Carlos Diéguez do CIMUS (ámbolos dous centros da Universidade de Santiago de Compostela); e, pola Universidade de Vigo, África González Fernández do CINBIO e Jesús Souza Troncoso do ECIMAT. Por outro lado, tamén estiveron presentes representantes das dúas “agrupacións estratéxicas consolidadas” que veñen de acadar esta denominación: Paulo Félix Lamas, director do CITIUS (USC) e o profesor Carlos Mosquera Nartallo, en representación do AtlantTIC, da UVigo. 

Agrupacións de investigadores de primeiro nivel

O conselleiro interesouse polas liñas científicas actuais e de futuro de cada un dos centros e, ao mesmo tempo, comprometeu o apoio a longo prazo do seu departamento, que se enmarca dentro da estratexia de respaldo á investigación de excelencia desenvolvida nas universidades. Neste contexto, cómpre destacar a capacidade das diferentes estruturas para agrupar investigadores de primeiro nivel, que se beneficiarán directamente das axudas outorgadas pola Consellería. En total, son máis de 700 os científicos que gozarán de estabilidade financeira e dun escenario propicio para impulsar o traballo nas súas respectivas áreas. 

Proceso de avaliación

Cómpre destacar que estas axudas –cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional– se concederon tras un proceso de concorrencia competitiva en función dunha serie de criterios que, de forma obxectiva, valoran a calidade científico-técnica, a capacidade e as características destas unidades e dos seus proxectos estratéxicos de investigación, en consonancia cos retos contidos na RIS3 Galicia, e tamén co esquema da Unión Europea reflectido no Programa marco de investigación, desenvolvemento e innovación horizonte 2020, co fin de procurar a obtención de retornos sociais nun prazo medio e longo.

En total, a Consellería mobiliza máis de 13 millóns de euros, cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento cunha finalidade clara: recoñecer a excelencia das mellores unidades de investigación do SUG e garantir a súa estabilidade financeira a longo prazo.

Neste sentido, a Xunta financiará os seus proxectos estratéxicos de investigación durante o período 2016-2019 para fortalecer as súas capacidades científicas, potenciar o liderado internacional da investigación galega, impulsar a agregación de capacidades científico-técnicas –incluíndo a colaboración con outros centros, unidades e co tecido empresarial– ou mellorar a xeración de resultados de alto impacto científico, social e económico. A maiores, tamén se busca contribuír á formación, atracción e incorporación de talento, incrementar a masa crítica de persoal de persoal investigador e actuar como axentes tractores do sistema galego de I+D+i.

Trátase, en definitiva, de contar coas ferramentas adecuadas para que as investigacións xeradas nos centros singulares ou nas agrupacións estratéxicas consolidadas acaben revertendo na sociedade, co fin de buscar solucións aos problemas dos cidadáns, reforzar e especializar os nosos sectores produtivos e aumentar, en definitiva, o benestar xeral da sociedade.

Apoio en todos os niveis de investigación

Con esta nova acción, o departamento educativo da Xunta de Galicia pecha o círculo de apoio á investigación universitaria, baseado en tres piares: a formación e retención do talento –a través dos contratos predoutorais, posdoutorais, de estabilización e mediante o respaldo a científicos excelentes dos programas do Consello Europeo de Investigación ou do propio Ministerio–; o financiamento estable a grupos de investigación ou o apoio, tamén a longo tempo, ás estruturas supragrupais do sistema.