O conselleiro de Educación anuncia a próxima construcción dun novo aulario no CEIP Ramón Otero Pedrayo, na Laracha

Xesús Vázquez Abad recordou que no centro vanse facer obras de mellora por valor de 17.000 euros, relativas á estrutura de peche do recinto escolar

Lun, 28/02/2011 - 11:45
O conselleiro de Educación no CEIP Ramón Otero Pedrayo, na Laracha
O conselleiro de Educación anuncia a próxima construcción dun novo aulario no CEIP Ramón Otero Pedrayo, na Laracha

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou hoxe pola mañá as instalacións do CEIP Ramón Otero Pedrayo, na localidade coruñesa da Laracha. Durante a visita estivo acompañado pola directora do centro Luz Sandra Casar Domínguez, o delegado da Xunta na Coruña, Diego Calvo; e a xefa territorial na provincia, María Teresa Villaverde Pais, así como por outros membros da comunidade educativa do centro.

Durante a súa visita o conselleiro anunciou que a Consellería ten previsto realizar a redacción do proxecto da ampliación do aulario do centro, e destacou que “está previsto que se constrúan nove novas aulas”. Se ben Vázquez Abad recordou que “o primeiro paso será comprobar que a parcela deste centro nos permite levar a cabo este labor”, e rematou afirmando que “está previsto que en datas próximas se realicen obras de mellora no centro que afecten ao peche do recinto e que teñen un orzamento de 17.000 euros”.

No centro, no que estudan 176 alumnas e alumnos de infantil e 305 de educación primaria, a Consellería ten investidos preto de 5.000 euros na biblioteca escolar co obxectivo de mellorar e potenciar este espazo destinado ao enriquecemento dos alumnos.

Con esta visita o conselleiro continúa a coñecer de primeira man a situación dos centros educativos da provincia da Coruña, así como as súas necesidades e as opinións das respectivas comunidades educativas.