O conselleiro de Educación presenta o proxecto definitivo de ampliación do CEIP Zalaeta, na Coruña

Xesús Vázquez Abad mantivo hoxe pola mañá un encontro con representantes do centro educativo

Lun, 28/02/2011 - 10:51
O conselleiro de Educación na visita ao CEIP Zalaeta da Coruña
O conselleiro de Educación na visita ao CEIP Zalaeta da Coruña

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, vén de presentar o proxecto definitivo para a ampliación do CEIP Zalaeta, na Coruña. A confirmación fíxose efectiva durante un encontro mantido está mañá coa directora do centro, así como con parte do equipo directivo e representantes da ANPA.

Na reunión, que tivo lugar na delegación da Xunta na Coruña, estiveron presentes o delegado da Xunta na provincia, Diego Calvo; e a xefa territorial de Educación, María Teresa Villaverde Pais, así como representantes da unidade técnica da Consellería.

Ampliación do centro

Ao remate desta reunión Vázquez Abad confirmou ante os medios de comunicación que “a Consellería presentou hoxe a redacción definitiva do proxecto relativo ás obras de mellora e ampliación do CEIP Zalaeta”, e engadiu que “deste xeito damos resposta a unha demanda que se ven realizando desde hai anos e á que era preciso dar resposta”. Finalmente sinalou que “nos vindeiros días publicárase no DOG a licitación desta obra”.

O proxecto contempla melloras no espazo xa existente así como a construción dunha nova edificación. Deste xeito instalarase un ascensor que comunicará todas as plantas dos dous edificios (o actual e o que se fará) e a ampliación do soportal co que xa conta o centro.

Por outra banda a redacción do proxecto inclúe a nova edificación na que o soto irá destinado á caldeira; a planta baixa contará con tres aulas de educación infantil e no primeiro andar haberá outras dúas aulas, así como o comedor e zonas de uso común. Deste xeito ampliarase a posibilidade de matrícula do centro, no que actualmente estudan 72 alumnas e alumnos de infantil e 105 de primaria.

Con este anuncio a Consellería volve demostrar o seu compromiso coa mellora das instalacións educativas, e dá resposta ás necesidades existentes nos centros. Este compromiso coa cidade da Coruña engádese ao realizado a semana anterior cando se confirmou a redacción do proxecto de ampliación do CEIP Emilia Pardo Bazán, para a realización dunha obra moi demandada polos coruñeses.