O conselleiro de Educación clausura o IV Encontro de Directivos de IES de Galicia celebrado en Santiago de Compostela

Máis de 80 directores de institutos de toda Galicia reuníronse nestas xornadas celebradas no MUPEGA

Ven, 25/02/2011 - 14:03
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria clausurou hoxe o IV Encont
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria clausurou hoxe o IV Encontro de Directivos de IES de Galicia

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria clausurou hoxe o IV Encontro de Directivos de IES de Galicia, que reuniu no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) a máis de 80 directores de institutos de toda a Comunidade Autónoma. Organizado pola Asociación de Directores e Directivos de institutos de educación secundaria galegos, as xornadas facilitaron o intercambio de experiencias e boas prácticas entre os responsables da dirección destes centros educativos.

Tal e como explicou o conselleiro “un dos factores organizativos que máis condicionan a calidade dun centro educativo é a súa dirección”. “Unha boa dirección, un bo timonel á fronte do buque, e un proxecto claro e compartido son a garantía do éxito. O seu desempeño eficaz, mediante a adopción de actitudes dinámicas, é a chave que fai posible o incremento do éxito escolar, a mellora do clima de convivencia nas aulas, o fomento de valores que son básicos para a vida nunha sociedade libre e democrática como a nosa”, engadiu.

Ademais, Vázquez Abad fixo fincapé en que na importancia do labor desenvolvido por estes directores “sobre todo, hoxe, máis que nunca, cando Galicia precisa da existencia de profesionais polivalentes, persoas capaces de se adaptaren a escenarios que en ocasións mudan dun xeito vertixinoso, persoas preparadas para a toma de decisións autónomas e, asemade, equipadas para traballaren en equipos multidisciplinares”. “O voso traballo, sobre todo en tempos de globalización e incerteza coma os actuais, é vital”, dixo.

Ademais Vázquez Abad animou aos presentes a seguir traballando pola mellora da calidade do sistema educativo galego, a prol do porvir das novas xeracións.

Relatores de prestixio

Baixo o título ‘A profesionalización da dirección escolar: Liderado Pedagóxico’, o IV Encontro de Directivos de IES de Galicia reuniu en Santiago de Compostela a relatores de recoñecido prestixio, que abordaron temas de actualidade no que toca á práctica docente diaria.

Na xornada do xoves, e tras a conferencia inaugural impartida polo director xeral de educación, Jose Luis Mira, a membro da Xunta Directiva da Federación de Asociaciones de Directivos de Centros Educativos Públicos (FEDADI) Pilar de los Ríos expuxo o modelo de función directiva impulsado pola devandita federación. A sesión da tarde xirou arredor do papel da fiscalía de menores nos centros de secundaria, do que se encargou o fiscal de menores da Audiencia Provincial de Ourense; e sobre a planificación estratéxica como ferramenta para a mellora da calidade do ensino, relatorio impartido polo membro do Consello Escolar de Navarra e da Xunta Directiva da FEDADI Alberto Arriazu.

A autonomía, a innovación e a coordinación nos centros educativos foi o tema abordado na mañá do venres polo catedrático de Socioloxía da Universidade Complutense de Madrid Mariano Fernández Enguita. Nesta última xornada analizáronse ademais os resultados do último informe PISA, do que se ocupou o ex-director do Instituto Nacional de Avaliación Enrique Roca.

A Consellería de Educación estivo presente nestas xornadas, dando mostra do seu apoio aos equipos directivos dos centros e ao seu labor diario. Ademais a participación nestas xornadas foi recoñecida pola Consellería como 12 horas de formación docente.