Román Rodríguez anuncia que o novo IES de Soutomaior comezará a funcionar no curso 18/19

O conselleiro de Cultura e Educación visitou hoxe as obras do novo centro, que terá capacidade para 480 alumnos
Con este investimento, de máis de 5,3 millóns de euros, dáse resposta ás necesidades crecentes de prazas de escolarización deste concello
Ven, 16/12/2016 - 12:10

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves; visitaron hoxe as obras de construción do IES de Soutomaior, un novo centro educativo no que o departamento que dirixe investirá máis de 5,3 millóns de euros. Segundo explicou o conselleiro, neste momento a obra está en fase de actuacións previas e acondicionamento do terreo, unhas tarefas que supoñen unha importante parte do traballo, dada a acusada pendente da parcela, que fai necesario mover unha gran volume de movemento de terras. Dado que os traballos foron adxudicados a finais do pasado mes de agosto, que as obras comezaron nos últimos días de setembro e que o prazo de execución é de 18 meses, o previsto é que o novo centro empece a funcionar  no curso 2018/19.

O novo instituto terá capacidade para 480 alumnos, con 12 unidades de ESO e 4 de Bacharelato, o que permite dar resposta ás necesidades crecentes de prazas de escolarización deste concello, evitando que as rapazas e rapaces se teñan que desprazar a outros municipios para cursar ESO e Bacharelato. Ademais, a construción do novo centro contribuirá a desconxestionar o actual CPI Manuel Padín Truiteiro, permitindo que este centro se centre nas ensinanzas de infantil e primaria.

Neste sentido o conselleiro salientou que esta obra se enmarca no compromiso do departamento educativo da Xunta de Galicia coas zonas que máis natalidade e, polo tanto, máis necesidade de prazas escolares, presentan, contribuíndo á fixación da poboación. Así mesmo lembrou que estas obras están incluídas no Plan da Consellería de Dotación de Infraestruturas Educativas 2016-2020, que conta para 2017 cun orzamento inicial de 26 millóns de euros.

Estrutura

O IES dividirase en 3 plantas. Na -1 atoparanse os servizos comúns, como o ximnasio ou a cafetería, mentres que a planta 0 estará destinada ás oficinas administrativas, a biblioteca e á área docente de secundaria. Pola súa parte, a planta 1 acollerá os seminarios e o resto das aulas. O edificio terá unha superficie escalonada, co fin de adaptarse ao terreo cunha solución arquitectónica que optimice ao máximo a construción.

No seu interior o centro albergará 16 aulas polivalentes, 3 aulas de desdobre e 2 de apoio educativo, aula taller de tecnoloxía, aula de música, aula de informática, aula de plástica, biblioteca, 4 seminarios, 3 laboratorios, ximnasio, vestiarios e aseos, así como zona de administración con despacho de dirección, xefatura de estudios e secretaria, sala de profesores, despacho de orientación, sala de ANPAS e sala conserxería. Ademais, contará con zonas de servizos comúns como cafetería, sala polivalente así como cuartos de instalacións e de lixo.