Román Rodríguez recoñece o traballo das universidades para impulsar a investigación excelente e o seu retorno á sociedade

O conselleiro de Cultura e Educación clausurou a reunión do Padroado da Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA), na que Josep Piqué ofreceu unha conferencia-coloquio

Xov, 15/12/2016 - 17:58
Román Rodríguez recoñece o traballo das universidades para impulsar a investigación excelente e o seu retorno á sociedade

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, recoñeceu hoxe o traballo do Sistema Universitario de Galicia (SUG) para buscar e impulsar a investigación excelente con miras a avanzar no seu retorno á sociedade. Así o trasladou con motivo da reunión do Padroado da Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA), unha xornada que contou coa participación do economista e empresario Josep Piqué, que ofreceu unha conferencia-coloquio baixo o título “Competitividade, innovación e revolución dixital nun mundo global”.

O titular do departamento educativo do Goberno galego puxo en valor os importantes activos, tanto a nivel individual como de grupos e centros de investigación, cos que contan as universidades galegas no eido científico. Neste sentido, valorou o seu traballo, financiado con fondos públicos na súa meirande parte, engadindo que agardaba “unha retroalimentación útil á sociedade en forma de coñecemento”.

Convenio de posicionamento con FEUGA

Neste contexto, agradeceu o traballo desenvolvido por FEUGA como Fundación catalizadora do vínculo entre universidade, empresa e sociedade, “un vínculo con actual vixencia”, concretou. Román Rodríguez lembrou que, co fin de seguir avanzando neste traballo colaborativo, a Consellería asinou un convenio con FEUGA para o financiamento dun novo programa de posicionamento internacional do SUG para captar proxectos de I+D+i, ao que o departamento educativo destina máis de 600.000 euros.

Cómpre lembrar que a iniciativa ten entre os seus obxectivos incrementar a taxa de éxito na consecución de proxectos europeos para grupos ou proxectos institucionais, e acadar máis visibilidade e oportunidades no ámbito europeo para o SUG e para os seus grupos de investigación. Perséguese, igualmente, un incremento das colaboracións internacionais das universidades galegas, tanto no ámbito académico como co sector industrial; e unha mellora dos resultados de investigación: máis patentes, máis publicacións, máis promoción e divulgación e máis ingresos para a nosa I+D+i.

Ampla presenza do tecido empresarial

Ao acto tamén asistiron, ademais da directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, e do secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; os tres reitores das universidades galegas, Salustiano Mato (UVigo e, tamén, presidente de FEUGA), Juan Viaño (Santiago) e Julio Abalde (A Coruña); así como un nutrido grupo de representantes de máximo nivel do tecido empresarial e institucional de Galicia.

FEUGA, institución creada polas tres universidades galegas e polas máis prestixiosas institucións públicas e empresas privadas de Galicia, ten como principios básicos de actuación a promoción do desenvolvemento tecnolóxico, o fomento das sinerxías entre o campo da investigación e o mundo empresarial e a formación práctica dos estudantes universitarios e de Formación Profesional.