Os programas para o éxito educativo e a formación do profesorado gañan peso nos orzamentos 2017

O conselleiro de Cultura e Educación presentou hoxe no Parlamento de Galicia as contas do seu departamento para o vindeiro ano, que se centran en continuar mellorando o sistema de ensino cara a excelencia, ao tempo que se mantén a equidade

Tamén anunciou unha oferta de emprego público en infantil, primaria e secundaria, en termos similares aos do presente ano

Ademais increméntanse as partidas dirixidas á protección e conservación do patrimonio cultural e a equipamento e actividades dos museos

A recuperación dos salarios do persoal da Administración, despois do esforzo realizado durante a crise, é outro importante eixo das contas públicas

Lun, 12/12/2016 - 11:20
Os programas para o éxito educativo e a formación do profesorado gañan peso nos orzamentos 2017

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presentou hoxe diante da Comisión 3ª do Parlamento de Galicia os orzamentos do seu departamento para o ano 2017, unhas contas coas que se devolven os esforzos que se pediron aos traballadores do sector público durante os ano de crise e cos que se continúa a apostar pola equidade do sistema educativo – segundo o último informe PISA o sistema educativo galego é o máis equitativo dos países que participan no estudo-, e pola súa mellora cara á excelencia. Así mesmo, os presupostos teñen como obxectivo seguir poñendo a disposición da cidadanía unha oferta cultural diversa, activa, participativa, libre e innovadora, coa que atender a todos os colectivos culturais.

O titular do departamento educativo da Xunta sinalou ademais que os 2.315,4 millóns de euros do ano próximo (o que supón un incremento do 2,87 %, 64,5 millóns máis que no 2015) se centran nas persoas, tanto no referido á recuperación do salario como no que atinxe a atender ás necesidades específicas de atención educativa do alumnado, de transporte e comedor escolar, así como as especificidades do alumnado que está a piques de acceder ao mercado laboral. A aposta do goberno galego pola educación e a cultura, queda plasmada no 25,6 % que representa o investimento nesta eidos sobre o teito de gasto non financeiro.

Asentar resultados

Segundo explicou o conselleiro, boa parte dos esforzos económicos do seu departamento no vindeiro ano irán destinados a asentar os bos resultados obtidos no informe PISA e continuar traballando para melloralos. Para iso, unha das bases fundamentais volverá ser de novo o profesorado galego, sen cuxo esforzo e implicación sería imposible acadar unha mellora real do sistema. Neste sentido, ademais da debida recuperación das retribucións dos traballadores públicas – que evidentemente tamén serán efectivas nos traballadores do sector público no eido da cultura- afondarase na formación dos docentes, unha partida que se incrementa en case un 30% no referido á formación xeral do profesorado e que, sumada á dirixida de forma específica a favorecer o éxito escolar e previr o abandono, acada os 3,3 millóns de euros. Entre os obxectivos principais desta liña estarán tamén a preparación en linguas estranxeiras.

Cómpre lembrar, asemade, que se van destinar 5 millóns de euros do Capítulo I a financiar, fundamentalmente a través de máis profesorado, a implantación da LOMCE no que se refire aos itinerarios de ESO e Bacharelato, unha cantidade que se suma aos 9 millóns do exercicio 2016 e aos 7 xa consolidados no exercicio 2015. En total a Consellería conta con máis de 1.343 millóns no Capítulo I, dos que preto do 98% se corresponde coas retribucións do persoal que presta o seu servizo nos centros de ensino.

A este respecto cabe ter en conta tamén que os orzamentos de 2017 incorporan a previsión dunha Oferta de Emprego Público en infantil, primaria e secundaria, para continuar a senda de estabilidade do profesorado, co compromiso de que sexa nos termos máis amplos posibles, similares aos do presente ano, unha vez analizadas as xubilacións.

Equidade e éxito

O galego é o sistema educativo máis equitativo de todos os que participan no informe PISA. Para seguir nesa liña, a Consellería destina o maior incremento porcentual de todos os programas que configuran o orzamento, do 12’5%, ao programa 423B, para a Prevención do Abandono Escolar, co fin de que esta taxa continúe baixando cara ao Obxectivo 2020 da Unión Europea para España. Ademais, increméntase nun 5’8%, ata os 37’4 millóns de euros para facer fronte, o programa 422D, dedicado a Educación Especial.

Así mesmo, destinaranse máis de 2,5 millóns de euros ás partidas que permiten que o alumnado galego reciba a formación en idiomas por parte de auxiliares de conversa nativos, duplícase o investimento en proxectos de mellora da calidade do ensino, aumentan as dotacións do plan de aprendizaxe de linguas, así como as de avaliación do sistema educativo; e aumentan as contías dirixidas ao plan de emprendemento e a formación asociada a FP.

Infraestruturas e servizos complementarios

Ademais de polos programas de mellora educativa, a  Consellería continuará aposta pola mellora das infraestruturas e polo mantemento das instalacións dos centros e dos servizos complementarios. Neste sentido, o montante total para investimento en infraestruturas educativas acada os 27,6 millóns o que representa un incremento do 28%, nos que se inclúen os fondos FEDER do programa operativo 14-20. Así, para o 2017 están previstas obras como as dos CEIPS Sagrado Corazón e As Mercedes (Lugo), os CEIPs de Culleredo e Novo Mesoiro (A Coruña), 2º fase do CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao (Vigo), o CIFP As Mercedes (Lugo) e os IES de Teis (Vigo) e Soutomaior. Ademais, haberá unha dotación de 2’2 millóns de euros para  a ampliación de aulas e talleres de FP e continuará a mellora da eficiencia enexética e funcional doutra decena de centros educativos.

Pola súa parte, os gastos de funcionamento dos centros de ensino experimentan un incremento do 1’7%, ata acadar os 59’7 millóns de euros. Asemade, destinaranse 149 millóns de euros aos servizos complementarios de comedor e transporte escolar, un 1% máis ca no 2016, co fin de que Galicia continúe sendo a CCAA co sistema máis equitativo de acceso ao comedor (con menú gratuíto para o 82% dos usuarios).

Galego

Outra das liñas estratéxicas da Consellería é o fomento da lingua galega, programa 151A, cuxo orzamento supera os 6’8 millóns de euros, o que permitirá manter as actividades de dinamización, nas que seguirán a ter unha atención preferente os máis novos. Con este mesmo obxectivo elaborarase o Plan de Dinamización da Lingua Galega na Xuventude, que supoñerá o desenvolvemento doutro sector do Plan de Normalización Lingüística, ao igual que o foi o Plan de Dinamización da Lingua Galega no tecido socio-económico, que se seguirá desenvolvendo.

Así mesmo, continuarase avanzando na promoción da lingua portuguesa como segunda lingua estranxeira, e consolidarase o coñecemento e estudos de galego no exterior, con especial fincapé en China, Xapón e Nova Zelandia.

Universidades

A calidade do ensino universitario queda de novo blindada nus orzamentos que, por primeira vez desde 2009 e unidas ao destinado pola Secretaría Xeral para o Deporte, superan a barreira dos 400 millóns de euros en transferencias directas para esta etapa. Deste xeito poderá darse cobertura ao Plan de Financiamento 2016-2020, que experimenta un incremento nominal de case 10 millóns de euros, e que inclúe os case 3’2 millóns destinados a bolsas para estudantes. Ademais, inclúense máis de 5 millóns destinados aos gastos de reparación, ampliación e mellora das infraestruturas universitarias.

Dentro destes 348’3 millóns, a Consellería de Cultura e Educación dedica máis de 51,8 millóns de euros, un 3’5 % máis, a dar cobertura ás diferente liñas de axudas para o fomento do I+D+i, ao financiamento por resultados- cunha medra do 2,3% no referido ao panel de indicadores –, e á mellora e reforma dun centro de excelencia como o Hospital da Fundación ROF Codina para que, xunto co Cebiovet, estea nas mellores condicións para superar a renovación da súa homologación europea no 2018.

Patrimonio e oferta cultural

No eido xa da cultura, increméntase a contía dedicada ao programa 433A, Protección e promoción do Patrimonio Histórico, Artístico e Cultural, ata chegar aos case 13 millóns de euros, cos que se poderán financiar actuación de conservación e restauración en bens como as catedrais de Ourense e Mondoñedo, os mosteiros de Sobrado dos Monxes e Oseira, a Muralla de Lugo, e nos castros de Vilalonga, San Cibrao de Lás e Cidadela. Tamén se incrementa nun 23% o destinado en traballos técnicos de catalogación, promoción do patrimonio e delimitacións do Camiño de Santiago.

Por outra banda, faise fincapé nos museos, cun incremento do 12% para a dotación de mobiliario e dun 11% para as actividades de difusión da súa actividade; e nas axudas a corporacións locais para investimentos en materia de arquivos, adquisición de novidades editoriais e fondos, aos que se destinarán máis de 648.000 euros co fin de que se espalle por toda Galicia unha oferta cultural ampla, variada e de calidade.

Con este mesmo obxectivo de poñer a disposición da cidadanía unha mellor oferta cultural, a Agadic continuará impulsando as súas diferentes liñas de traballo a través dun orzamento de máis de 10,5 millóns de euros (son 10,5 porque inclúe tamén recursos propios) dentro do que se incrementará o orzamento para a distribución interior a través da Rede Galega de Teatro e Auditorios. Do mesmo xeito, subirá orzamento destinado ás axudas á distribución exterior e verase incrementado o apoio da Administración aos novos valores a través da medra das axudas ao talento.

Por outra banda, as contas de 2017 manteñen case invariable as achegas á Fundación Cidade da Cultura, Fundación Pública Galega Camilo José Cela, ao Consorcio de Santiago ou á Real Academia Galega, blindando a contribución do Goberno Autonómico ao funcionamento destes entes.