Persoas de todo o mundo poderán seguir mañá o acto de presentación das últimas ferramentas tecnolóxicas en galego
No marco da campaña Vive en galego, a Xunta quere dar a coñecer entre a cidadanía os recursos tecnolóxicos dispoñibles para actividade profesional e de lecer en lingua galega
Persoas de todo o mundo poderán seguir mañá o acto de presentación das novas ferramentas tecnolóxicas dispoñibles en galego. Vía Lync, os internautas terán posibilidade de asistir de forma virtual ao evento no que a Xunta de Galicia dará a coñecer os últimos produtos de Microsoft en lingua galega. O seguimento do acto poderá realizarse mediante a conexión ao enderezo https://join.microsoft.com/meet/oscarmh/H18N830G.
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e a empresa Microsoft presentarán mañá as interfaces en galego de Windows 7, Office 2010, Sharepoint 2010 e Dynamics CRM, no marco da campaña Vive en galego, unha iniciativa coa que a Xunta de Galicia pretende difundir entre a cidadanía os recursos tecnolóxicos dispoñibles en lingua galega. O acto, no que participarán o conselleiro de Educación, Xesús Vázquez; o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo; e a xerente de Relacións Institucionais de Microsoft, Montserrat Pardo, terá lugar ás 19:00 horas no Centro Galego de Arte Contemporánea, en Santiago de Compostela.
O evento estará conducido polo actor Rubén Riós e contará coa intervención musical da gaiteira Susana Seivane. Ademais, durante o acto realizaranse conexións en directo, vía Lync, con galegos residentes en cidades de diversas partes do mundo.
A incorporación do galego ás tecnoloxías da información e da comunicación é un obxectivo prioritario para a difusión do idioma na sociedade. Por iso, a Secretaría Xeral de Política Lingüística facilítalles asesoramento lingüístico ás empresas tecnolóxicas para a localización en galego dos seus produtos. Para adaptar os seus últimos programas de software ao galego, a empresa Microsoft contou co asesoramento da Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través do servizo de terminoloxía galega, Termigal, que tamén colaborou na avaliación das primeiras versións das interfaces de Microsoft no idioma propio de Galicia.
Vive en galego… a tecnoloxía!
As interfaces en galego de Windows 7, Office 2010, Sharepoint 2010 e Dynamics CRM poden descargarse gratuitamente desde a web da Secretraría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/vive_en_galego. Neste espazo tamén están dispoñibles múltiples recursos de software libre, redes sociais, blogs, correctores e tradutores, telefonía móbil, xestores de contido ou buscadores en lingua galega. Ferramentas, todas elas, que favorecen o desenvolvemento profesional e a comunicación interpersoal no tempo de lecer en galego.