Educación abordará de xeito inmediato coas tres universidades a modificación do mapa de titulacións
O conselleiro avanzou no Consello Galego de Universidades que unha das prioridades da Consellería para esta lexislatura é adaptar a oferta académica ás necesidades actuais e ás demandas da sociedade
Román Rodríguez tamén informou do acordo alcanzado na Conferencia Sectorial de Educación sobre a proba final de 2º de Bacharelato, cuxa organización e contido será similar á antiga Selectividade
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, avanzou que se reunirá de xeito inmediato cos tres reitores das universidades do SUG co fin de abordar a modificación e mellora do mapa de titulacións, unha das prioridades da Consellería para esta lexislatura. Así o expuxo con motivo da celebración do pleno do Consello Galego de Universidades (CGU), onde trasladou a vontade común de todos os implicados para seguir avanzando na adaptación da oferta académica ás necesidades actuais e ás demandas da sociedade, incidindo nas liñas de especialización de cada un dos campus.
Así mesmo, o obxectivo é determinar os casos de titulacións consideradas singulares para o Sistema universitario de Galicia (SUG), co fin de garantir que se continúen ofertando con independencia do número de alumnos matriculados, así como analizar os casos de duplicidade ou multiplicidade da oferta. O fin último pasa, segundo trasladou o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia, por deseñar e racionalizar a oferta global do sistema, unha vez detectados os puntos fortes e débiles.
Neste sentido, lembrou o traballo que xa se ten feito para avanzar nesta liña de racionalización e eficiencia da oferta académica, como a publicación do Decreto 222/2011, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficias no ámbito da comunidade autónoma.
Por outro lado, un dos principais asuntos tratados con motivo do pleno do CGU foi o resultado da Conferencia Sectorial de Educación, celebrada este mesmo luns. O conselleiro informou aos membros do Consello do acordo alcanzado polas comunidades en torno á proba final de 2º de Bacharelato, cuxa organización e contido será similar á antiga Selectividade, tal e como solicitara desde inicio de curso o propio Goberno galego.
Deste xeito, lembrou que os alumnos e alumnas que realicen a avaliación só se terán que examinar das materias troncais de 2º curso de Bacharelato, e que se mantén o distrito único; isto é, ningunha universidade pública do territorio español fará proba adicional de acceso. En canto á organización material da proba, seguirá correndo a cargo da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG).
Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo
Outro dos asuntos tratados na reunión foi a proposta da Universidade de Vigo para a creación da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo no Campus de Ourense –un centro vinculado co novo Grao en Enxeñaría Aeroespacial, autorizado para o curso actual–, que contará coas instalacións específicas e adecuadas, así como cos laboratorios necesarios, para a impartición desta titulación. Sometido a votación, o CGU informou favorablemente sobre a constitución desta Escola, que podería entrar en funcionamento ao comezo do 3º curso do dito grao, isto é, no curso 2018/2019, segundo as previsións da UVigo.
En canto ao apartado de revogación de titulacións, o CGU deu o visto e prace a retirar a autorización para impartir as seguintes titulacións de máster: Máster universitario en Computación de Altas Prestacións (en conxunto para a Universidade da Coruña e para a de Santiago); Máster en Migracións Internacionais: Investigación, Políticas Migratorias e Mediación Intercultural; e Máster en Planificación e Xestión de Destinos e Novos Produtos Turísticos, por parte da Universidade de Coruña.
Pola súa banda, na Universidade de Vigo deixa de ofertarse o Máster universitario en Ciencias Biolóxicas: Bioloxía Molecular, Computacional e Ambiental e Bio-Industrias; o Máster en Enxeñaría Química; o Máster en Innovación Industrial e Optimización de Procesos; e o Máster en Políticas Comunitarias e Cooperación Territorial.
Noutra orde de cousas, o CGU tamén informou favorablemente sobre a Norma que regula o réxime de dedicación ao estudo e a permanencia e a progresión dos estudantes de grao e de máster universitario na Universidade da Coruña.
Axudas ao estudo e contratos de investigación
Así mesmo, no Consello Galego de Universidades tamén se deu conta de todas as accións que ten en marcha a Consellería para apoiar aos estudantes universitarios, unhas liñas de axudas que no curso 2015-2016 beneficiaron a preto de 2.000 alumnos e alumnas do SUG. Por outro lado, tamén se abordou a situación do persoal investigador universitario, partindo da base de que Galicia foi unha das poucas comunidades que mantivo a totalidade das axudas e liñas de financiamento a prol da investigación nos últimos anos.
Neste sentido, o conselleiro destacou que neste momento hai 197 investigadores nas universidades con contrato predoutoral, 152 con contrato posdoutoral e un total de 23 científicos estabilizados nalgunha universidade do SUG grazas ao financiamento da Xunta de Galicia. Ademais, a Consellería apoia actualmente 47 contratos dos programas Ramón y Cajal e Juan de la Cierva, así como os proxectos de 8 Starting Grant, un Consolidator Grant e un Advanced Grant.