Bocaberta visita esta semana máis de 20 concellos con divertidas actividades en galego para os máis novos

O programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística retoma estes días actividades como A guerra das bruxas, Ti creas historia e Contos de maxia

Lun, 21/02/2011 - 18:20
Imaxe dunha das actividades do programa de dinamización lingüística Bocaberta
Imaxe dunha das actividades do programa de dinamización lingüística Bocaberta

O programa de dinamización lingüística Bocaberta visita nos próximos días 24 concellos para achegarlles a lingua galega aos máis novos a través das actividades máis divertidas. Trátase das localidades de Melón, Quiroga, Meira, Castro de Rei, A Lama, Fornelos de Montes, Ponteareas, Cabana de Bergantiños, Ares, Mugardos, Campo Lameiro, Cerdedo, Rois, Outes, Gondomar, Cambados, Cerceda, Vigo, Moraña, Padrón, Pontevedra, A Coruña, Mondariz-Balneario e A Estrada.

A maxia, a música, as palabras e a banda deseñada protagonizan esta semana os contidos deste programa co que a Secretaría Xeral de Política Lingüística busca favorecer o uso do galego entre os rapaces de 3 a 18 anos.

Esta semana, Bocaberta retoma varias actividades coas que botara a andar a súa programación. Por unha banda, os mozos e mozas poderán aprender o proceso de creación dun cómic en Ti creas historia, no que o debuxante Anxo Fariña lles explicará desde o guión ao debuxo e o acabado final. O autor da serie Os Megatoxos estará mañá en Meira e en Castro de Rei, e o mércores visitará Ares e mais Mugardos.

O galego, un mundo máxico

Tamén volve Contos de maxia, unha proposta na que o departamento da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria anima a ler, a gozar e a vivir en galego a través dos trucos do mago Cali. Pola súa parte, Contos de maxia, que pasou hoxe pola Estrada, estará mañá en Cabana de Bergantiños, o mércores en Rois, o xoves en Outes e o venres en Cerceda.

Entre as actividades que regresan atópanse tamén as xincanas de A guerra das bruxas, que hoxe levaron as súas probas de habilidade e cooperación ata o concello de Quiroga.

A maxia tamén ten cabida na actividade Abrapalabra, o espectáculo no que o ilusionista Carlos Coira lles mostra os seus trucos aos máis pequenos para facelos gozar coa maxia das palabras. Esta actividade, que visitou hoxe Mondariz-Balneario e Melón, realizará mañá novas paradas na Lama e en Fornelos de Montes e o mércores, en Campo Lameiro e Cerdedo.

Os trucos de prestidixitación, desta vez executados por Chrystian Magic, son tamén eixo sobre o que xira Atrapado na torre, unha actividade que estará o sábado nos concellos de Moraña e de Padrón.

A mellor música en galego para os pequenos e os adolescentes

No que toca á música, os máis pequenos poden asistir a varios obradoiros cos mellores ritmos como atractivo: o de En clave de conto celebrarase o venres en Gondomar; o de Ola, ola, la!, o sábado en Pontevedra; e os de Canta música! pasarán o venres por Cambados e o sábado pola Coruña.

Mentres, os adolescentes teñen unha nova cita con Detrás da canción. Na actividade, que estará o venres en Vigo, os integrantes do grupo de pop electrónico Projecto Mourente achegan os rapaces e rapazas ás técnicas de realización de música con ferramentas caseiras. Así mesmo, os membros de The Homens ofrecen o fin de festa da actividade cun concerto acústico.

Finalmente, os obradoiros de escrita creativa, deseño e radio de Palabras no ar repetirán mañá, logo da súa visita de hoxe, na localidade de Ponteareas.

Favorecer o uso do galego entre as franxas de idade máis novas

Bocaberta é un programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística dirixido a rapaces e rapazas de entre 3 e 18 anos. Un total de 747 actividades baseadas na música pop, na maxia, na banda deseñada, nos obradoiros de escrita e de oralidade ou nas tecnoloxías da información e da comunicación percorren desde o pasado mes de outubro, e ata o próximo mes de maio, todos os concellos de Galicia para promover o uso do galego entre as franxas de idade máis novas.

Para máis información de horarios e localizacións, o programa Bocaberta conta cun boletín semanal, accesible desde o web http://www.xunta.es/linguagalega/bocaberta, e ten tamén presenza nas principais redes sociais de internet.

Menús News node R