Xesús Vázquez Abad asiste á inauguración das II Xornadas sobre asma e educación organizadas pola fundación María José Jove na Coruña

O conselleiro de Educación tamén estivo presente na presentación do estudo “Asma en centros escolares”, realizado pola mesma institución

Ven, 18/02/2011 - 14:45
Xesús Vázquez Abad asiste á inauguración das II Xornadas sobre asma e educación
Xesús Vázquez Abad asiste á inauguración das II Xornadas sobre asma e educación organizadas pola fundación María José Jove na Coruña

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistiu hoxe á inauguración das II Xornada sobre asma e educación, organizadas pola Fundación María José Jove, e que se celebra ata mañá na sede da institución, na Coruña. No acto tamén estivo presente o delegado da Xunta na Coruña, Diego Calvo.

No mesmo acto presentáronse os resultados do “Estudo sobre o asma en centros escolares españois (EACEE)” que ten como obxectivo analizar a situación dos escolares con esta afección. Cómpre destacar que esta é a enfermidade infantil máis frecuente, e que afecta a entre un 12 e un 15% das nenas e nenos. Ambas actividades contan co total apoio da Consellería de Educación, e foron desenvolvidas e organizadas pola Fundación BBVA, a Sociedade Española de Neumoloxía Pediátrica (SENP) e a propia Fundación María José Jove.

Durante a súa intervención no acto o conselleiro destacou a importancia de “ter controlada esta afección de tal modo que os rapaces teñan unha vida normal e o seu día a día sexa igual ao dos seus compañeiros”. Ao que engadiu que “é imporante apoiar as iniciativas preventivas como son este estudo e esta xornada, a través da cal dáse a coñecer a realidade do asma infantil, mostrando todos as visións posibles e que permitiran a pais, nais, profesores e outros alumnos saber de que se fala cando de fai referencia ao asma. Cómpre recordar que é unha enfermidade da que si se ten un control correcto permite aos afectados ter unha vida absolutamente normal”.

Educación do paciente asmático

A directora de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde, Mª Nieves Domínguez González, participou tamén na inauguración na xornada, onde falou da educación do paciente asmático que leva a cabo o profesional sanitario e que, segundo dixo, é unha ferramenta clave para que o enfermo mellore no automanexo da súa propia patoloxía, e, en consecuencia, na súa calidade de vida.

Tamén remarcou que as experiencias coa asma, tanto na institución educativa como na sanitaria, poden ser un modelo de gran utilidade para moitas outras enfermidades, alérxicas ou non, ás que ten que facer fronte o profesorado, e nas que a educación sanitaria, por parte do profesional da saúde, xoga un importante papel preventivo e/ou terapéutico.

A directora de Asistencia Sanitaria subliñou  así mesmo que os resultados do estudo hoxe presentado avalan a necesidade de continuar co traballo de colaboración que se está a levar a cabo entre o sistema sanitario e o educativo, xa que as institucións deben dar resposta efectiva e coordinada a todas as necesidades da cidadanía.

As xornadas

Ao longo dos actos de presentación e inauguración xunto ao titular do departamento educativo da Xunta de Galicia estiveron o presidente da SENP, Manuel Sánchez- Solís de Querol; a presidenta da Fundación María José Jove, Felipa Jove; e o director territorial Noroeste do BBVA, Carmelo Beltrán. Xunto a eles estiveron os doutores Ángel López- Silvarrey, Santiago Rueda e Carmen Rosa Rodríguez, que presentaron os resultados do estudo.

Deste informe extraese que os docentes aínda precisan máis formación e información sobre o asma e como convivir con el para dotar ao alumnado afectado de total normalidade. A xornada, que se desenvolve ata mañá, ten como destinatarios os educadores, co obxectivo de que adquiran habilidade básicas para transmitir información sanitaria, así como os coñecementos precisos para implementar un plan de acción educativa no manexo do asma.

Este estudo e as xornadas dan unha nova mostra do traballo que desde o 2003 a Fundación María José Jove desenvolve en torno á investigación e a formación relativa as enfermidade alérxicas infantís.