A Consellería de Educación axilizará a redacción do proxecto para a construción dun novo IES en Culleredo

O secretario xeral técnico e a xefa territorial de Educación na Coruña reuníronse hoxe co alcalde do municipio coruñés

Mar, 15/02/2011 - 16:39

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria comprometeuse hoxe a axilizar o proceso para a adxudicación da redacción do proxecto co fin de construír un novo instituto de educación secundaria no municipio coruñés de Culleredo. O secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén; e a xefa territorial de Educación na provincia da Coruña, María Teresa Villaverde; reuníronse hoxe co alcalde de Culleredo, Julio Sacristán; e coa concelleira de Educación, Carmen Varela; para informalos do estado deste proxecto. Pola súa banda, o alcalde e a concelleiroa expúxeronlle ao secretario xeral técnico a necesidade que presenta o concello de construción dun novo centro de educación infantil e primaria.

O secretario xeral técnico da Consellería de educación explicoulle ao alcalde que, para que se produza a adxudicación da redacción do proxecto do IES é necesaria a aprobación dun Plan Especial de Ordenación Urbanística para a parcela onde se vai levantar o centro – na que se ubicaba a antiga Universidade Laboral-; dado que o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) non contempla a ordenación deste terreo.

Co fin de axilizar o proceso, a Consellería comprometeuse a encargar pola súa banda o Plan Especial da parcela, co que se desbloquearía a adxudicación da redacción do proxecto, que podería estar ultimado nun prazo de dous ou tres meses.

Terreos para o colexio

Respecto da necesidade de construír un CEIP no concello, o secretario xeral técnico informou ao alcalde de que a Consellería, tras estudar as dúas alternativas propostas o pasado ano polo Concello, optou finalmente pola parcela máis achegada á ría. Porén, este terreo esta na actualidade parcialmente afectado pola calificación urbanística de zona verde. Así, o Concello deberá facer as puntuais modificación do planeamento para que esta parcela poida albergar o centro, sempre que así o permita a afección derivada da boia sonora do aeroporto de Alvedro. De non ser posible, a corporación municipal debería presentar unha alternativa de ubicación do novo centro.

Con este encontro queda de manifesto o compromiso da Consellería de Educación coa comunidade educativa da área metropolitana da Coruña, dando resposta ás súas crecentes necesidades de escolarización.

Menús News node R