Román Rodríguez gaba a figura de Cruz Gallástegui como dinamizador da ciencia en galego e da economía rural

O conselleiro de Cultura en funcións lembra que o científico, a quen este ano se lle dedica o Día da Ciencia en Galego, foi o pai da modernización da agricultura galega, posto que fundou a Misión Biolóxica de Galicia en 1921

Destaca os nexos de unión entre o Pazo do Hórreo e a figura homenaxeada, tendo en conta que o edificio albergou a primeira Escola Veterinaria de Galicia

Ven, 04/11/2016 - 13:38
Román Rodríguez gaba a figura de Cruz Gallástegui como dinamizador da ciencia en galego e da economía rural

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en funcións, Román Rodríguez, gabou a figura do sobranceiro enxeñeiro agrónomo e veterinario Cruz Ángel Gallástegui Unamuno como un dos principais dinamizadores da ciencia en galego –desde a súa faceta de divulgador e como colaborador das principais institucións da lingua propia– e da economía vinculada ao medio rural en Galicia. Así o expuxo con motivo do acto conmemorativo do Día da Ciencia en Galego, celebrado esta mañá no Parlamento galego, e que este ano se lle dedica ao ilustre científico.

Ademais do conselleiro, no acto tamén participaron o vicepresidente do Parlamento de Galicia, Diego Calvo Pouso; a secretaria de Igaciencia, Inés Ben González; o escritor e académico da RAG, Francisco Díaz-Fierros Viqueira; e o director do IES Rosalía de Castro de Santiago, Ubaldo Rueda Soto. Así mesmo, á conmemoración asistiron un grupo de alumnos e alumnas do instituto compostelán, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García;  a directora da Misión Biolóxica en Galicia, Elena Cartea González; e o presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Miguel Ríos Fernández; entre outras autoridades.

Neste sentido, o titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia destacou a ampla traxectoria profesional de Gallástegui Unamuno, considerado o pai da modernización da agricultura galega como socio fundador da Misión Biolóxica de Galicia, un centro creado en 1921 e dependente do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

Así mesmo, tamén mencionou os nexos de unión entre o científico homenaxeado e o propio Pazo do Hórreo, posto que se trata dun edificio que albergou a primeira Escola Veterinaria de Galicia –anteriormente localizada no actual IES Rosalía de Castro– e que deu acubillo á Misión Biolóxica de Galicia ata finais dos anos 20, cando se trasladou a Salcedo, onde permanece actualmente a súa sede.     

Vínculos coas institucións da lingua galega

Ademais de ser –en palabras de Román Rodríguez, “un científico excepcional”– tamén mantivo relacións con outros centros de investigación galegos, representou ao Ministerio de Agricultura no Congreso Mundial de Leitería, destacou pola súa faceta de divulgador agrícola e mantivo un papel de socio activo do Seminario de Estudos Galegos, así como unha colaboración continua coas Irmandades da Fala.

Neste sentido, cómpre lembrar o labor destas dúas institucións para dignificar e prestixiar a lingua galega no ámbito científico, técnico ou universitario. Un importante e decisivo traballo, tal e como lembrou o conselleiro, que frutificou ao longo do tempo e que hoxe, a través desta efeméride, permite que se celebre “a existencia dun saber científico que se produce e se difunde tamén en galego”, subliñou. Deste xeito, agradeceu a todas as institucións e persoas que fan posible a celebración do Día da Ciencia en Galego e tamén transmitiu un agarimoso saúdo aos alumnos e alumnas do IES Rosalía de Castro, que hoxe trasladaron as súas clases ao Parlamento de Galicia.