Educación concede a 66 universitarios os premios extraordinarios de fin de carreira
O obxectivo é recoñecer a excelencia do alumnado que rematou os seus estudos no ano 2015 no Sistema Universitario de Galicia
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de galardoar a 66 universitarios cos premios extraordinarios de Fin de Carreira, polos brillantes resultados académicos obtidos durante o seu paso pola Universidade.
Estes premios son un recoñecemento ao traballo, esforzo e excelencia das mellores traxectorias académicas das tres institucións que conforman o Sistema Universitario de Galicia (SUG), que remataron os seus estudos no pasado curso 2015/16.
Dos 66 galardoados, 26 correspóndense con estudantes da Universidade de Santiago de Compostela (USC), 25 da Universidade de Vigo (UVigo), e 15 da Universidade da Coruña (UDC). Por xénero, 30 son mulleres e 36 homes. Todos eles recibirán unha dotación económica dun máximo de 2.500 euros e un diploma acreditativo desta distinción, o que supón un importante apoio económico. A información ao respecto pode consultarse no enderezo electrónico http://www.edu.xunta.gal/portal/node/20306 .
Con estes premios, a Consellería de Cultura e Educación reafirma o seu compromiso coa excelencia educativa, así como co apoio ao estudantado universitario no marco das iniciativas que a Consellería desenvolve para favorecer a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades.
Desde a primeira vez que se convocaron os Premios Fin de Carreira, un total de 1.147 titulados do Sistema universitario de Galicia obtiveron este premio.
A convocatoria estaba dirixida ao alumnado que no curso 2015/16 rematara os seus estudos conducentes aos títulos de grao, licenciado, enxeñeiro, arquitecto, diplomado, mestre, enxeñeiro técnico ou arquitecto técnico, que foran cursados de forma íntegra nas universidades do Sistema Universitario de Galicia.