Ata 200 alumnos de Formación Profesional desenvolverán as súas iniciativas emprendedoras grazas ao programa FP Avanza

Os estudantes poderán por en marcha os seus proxectos co asesoramento da Rede de Viveiros de Empresa en Centros Educativos de Galicia

Dom, 13/02/2011 - 12:00

Ata 200 alumnas e alumnos de ciclos formativos poderán desenvolver as súas iniciativas emprendedoras grazas ao programa FP Avanza, unha formación práctica sobre como materializar un posible proxecto innovador co que se pretende proporcionar ao alumnado os recursos necesarios para desenvolver iniciativas empresariais. O proxecto está dirixido aos estudantes de segundo curso de ciclos formativos e ás persoas que finalizaran os seus estudos de FP nos últimos catro anos.

Como unha das liñas de actuación do proxecto FP Plus, FP Avanza ten como obxectivo principal detectar alumnado con inquedanzas emprendedoras e interese en facer realidade un proxecto de empresa innovador. Así, as sesións formativas que comezan mañá luns porán en contacto ao alumnado coas experiencias de outras persoas emprendedoras, e con iniciativas empresariais que xa estean a funcionar. Así mesmo, os estudantes poderán ver in situ a organización dunha empresa, e coñecerán o potencial que ofrecen os viveiros de empresas dos centros educativos para polas en funcionamento.

Da idea á empresa

FP Avanza estrutúrase en tres fases, que se desenvolverán nos centros educativos da rede de viveiros de empresa dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria; nomeadamente no CIFP Ánxel Casal (A Coruña), CIFP de Fene, CIFP Rodolfo Ucha (Ferrol), CIFP Politécnico de Santiago, IES Politécnico de Lugo, CIFP Porta da Auga (Ribadeo), IES Portovello (Ourense), IES Luís Seoane (Pontevedra), CIFP A Granxa (Ponteareas) e o IES Manuel Antonio (Vigo). No programa participan alumnas e alumnos de ata 70 centros educativos de toda Galicia.

A primeira das fases -que comeza mañá no CIFP A Granxa e farao nos vindeiros días no resto dos centros-, baixo o título ‘Proxecto empresariais e ideas de negocio’, terá unha duración de 12 horas, distribuída en tres sesións, cada unha delas divididas en dúas partes. Así, na primeira delas intervirán persoas emprendedoras, que exporán as súas experiencias diante do alumnado. Respecto da segunda parte, xirará na primeira sesión arredor do tema ‘Como é de boa a miña idea?’, na segunda ‘Como é de vendible o noso proxecto?’, e na terceira ‘Cal é o seguinte paso para o desenvolvemento da nosa iniciativa?’.

A segunda fase, dedicada á concreción dos coñecementos adquiridos, incluirá un taller práctico para traballar sobre os obxectivos do programa e unha visita guiada ao viveiro de empresas do centro.

Unha vez superadas estas dúas etapas, o alumnado que teña elaborado un proxecto e queira proceder á súa posta en práctica poderá incorporarse na terceira fase a un dos viveiros dos existentes na Rede de centros educativos de Galicia. Deste xeito, contará coa axuda e asesoramento do titor ou titora do viveiro para analizar a viabilidade da súa idea, e terá ao seu dispor as instalacións do viveiro.

Ademais da oportunidade que o FP Avanza supón para o desenvolvemento profesional dos estudantes de ciclos formativos e para a súa incorporación ao mundo laboral; o alumnado que supere o programa poderá recibir un certificado de ter realizado estes cursos, emitido conxuntamente por BIC Galicia e a consellería de Educación.

Enmarcado no Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia 'eduemprende', este proxecto constitúe un paso máis nas iniciativas da Consellería de Educación para mellorar as capacidades en competencias e iniciativas emprendedoras, aumentar a autonomía do alumnado e impulsalo cara á empresarialidade. Ademais este programa enmárcase no proxecto FP Plus, que forma parte da estratexia que a Consellería está a desenvolver para impulsar a FP, unha opción de futuro para os estudantes galegos que está a gañar cada vez máis peso no sistema educativo galego.

A información e calendarios sobre o programa pode ser consultado na web https://www.edu.xunta.gal/fp/fpplus/avanza.html.