A Consellería de Educación concede os premios extraordinarios de bacharelato do curso 2015/16

Lun, 24/10/2016 - 11:25

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se conceden os premios extraordinarios de bacharelato correspondentes ao curso 2015/16, uns galardóns que teñen como obxectivo recoñecer a excelencia educativa do alumnado galego. A resolución pode consultarse no enlace http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20161024/AnuncioG0164-141016-0001_gl.html .

Estes galardóns, un total de 20, van dirixidos ao alumnado que nos dous cursos de bacharelato obtivo unha cualificación final media igual ou superior a 8,75 e que obtivo as mellores cualificacións nas probas realizadas para optar aos ditos premios. Ademais, os aspirantes realizaron unha proba estruturada en dúas partes: a primeira consistente na análise e comentario crítico dun texto de carácter xeral, histórico, filosófico e literario e na resposta a cuestións de carácter cultural e lingüístico sobre un texto na lingua estranxeira cursada polo alumnado como materia común de bacharelato. Na segunda parte desenvólvense temas, respostas a cuestións e/ou exercicios prácticos dunha materia propia da modalidade e cursada polo alumnado.

Cada premio está dotado cunha contía de 1000€ e o alumnado que obteña o premio poderá estar exento, durante o primeiro ano e por unha soa vez, do pagamento dos prezos públicos por matrícula no primeiro curso dos estudos superiores nun centro público. Ademais supón a anotación da distinción no seu expediente académico, un diploma acreditativo e outorga a posibilidade de concorrer aos premios nacionais de bacharelato.