Cultura e Educación adxudica as obras de ampliación do CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao e do IES de Teis, ambos en Vigo
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de adxudicar as obras de ampliación do CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao (fase I), na parroquia viguesa de Navia, e do IES de Teis. O obxectivo da primeira delas é dar resposta ás necesidades de escolarización da zona, mentres que a segunda ten como fin mellorar as instalacións do centro para a súa adaptación á FP Básica e aos ciclos formativos de 2.000 horas
O importe de adxudicación da fase I da obra do CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao ascende a 1.529.440 euros, e a intervención conta cun prazo de execución de 9 meses. O expediente pode consultarse no enlace http://www.contratosdegalicia.es/licitacion?N=47841 . No caso do IES, o importe é de 1.399.014,8 euros, e o prazo de execución de 10 meses. O expediente pode consultarse no enlace http://www.contratosdegalicia.es/licitacion?N=46267 .
Ambas as obras están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 80 %, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 .
CEIP de Navia
A ampliación do CEIP de Navia permitirá ampliar a súa capacidade de unha liña por curso escolar a 3, co fin de dar resposta ao incremento do alumnado do centro nos últimos anos e a previsión de crecemento futuro. Polo tanto, crearanse 450 novas prazas escolares.
A obra desenvolverase en dúas fases. Na primeira delas, adxudicada hoxe, construirase un novo módulo independente de educación infantil, con 9 aulas con aseos incorporados, sala polivalente, 3 aulas de desdobre, espazos comúns e instalacións.
Pola súa banda, a segunda fase suporá a demolición da cuberta para posibilitar a ampliación do edificio existente en 1.434,90 m² para 11 aulas – 9 deles polivalentes, 1 de música e outra de informática- de educación primaria e 7 de apoio.
IES de Teis
O obxecto da obra no IES de Teis é o de mellorar as instalacións do centro dedicadas especialmente no que atinxe á implantación da FP Básica e dos ciclos formativos de 2.000 horas, dando resposta ás necesidades de crecemento que está a experimentar a Formación Profesional.
As obras suporán a ampliación de 1.179,60 m² distribuídos en planta semisoto, acceso e alta. Na planta semisoto situaranse os talleres de estética, aula polivalente de estética, departamento e vestíbulo para os ciclos de perruquería e estética. Na planta de acceso crearanse tres aulas polivalente, un almacén de tecnoloxía con aula adxunta, unha aula de pedagoxía terapéutica, e 2 aulas de diversificación. Finalmente o andar superior acollerá o laboratorio taller de informática – dividido en tres partes- e o departamento. A actuación completarase coa mellora da instalación de protección contra incendios e o redimensionamento da instalación de calefacción.