Anxo Lorenzo anima os concellos a coordinarse na promoción social do uso da lingua galega

O responsable de Política Lingüística cualificou de “imprescindible” o papel dos municipios para impulsar a difusión do uso do idioma desde o ámbito local

Ven, 04/02/2011 - 13:31
Anxo Lorenzo anima os concellos a coordinarse na promoción social do uso da ling
Anxo Lorenzo anima os concellos a coordinarse na promoción social do uso da lingua galega

“Os concellos teñen un papel decisivo no proceso de extensión social da lingua galega desde o ámbito local”. Así o afirmou hoxe en rolda de prensa o responsable de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, que animou os municipios a coordinarse na promoción do uso do galego, co fin de aumentar a efectividades das actuacións nesta materia.

O secretario xeral destacou que as entidades locais de Galicia desenvolven un importante labor como “axentes sociais de dinamización da lingua galega, por seren as entidades cun contacto máis directo coa cidadanía, o que nos permite impulsar unha política lingüística de proximidade”, asegurou.

Por outra banda, Anxo Lorenzo incidiu na importancia de que as administracións local e autonómica unan esforzos a prol dun obxectivo común: promover as accións de difusión social do uso do galego. Con este fin, “a Rede de Dinamización Lingüística preséntase como o mellor escenario para acometer esta tarefa conxunta”, asegurou. “A rede –precisou Anxo Lorenzo– permitirá traballar de maneira coordinada, colaborativa e cooperativa entre as entidades adheridas e daralles aos concellos acceso a programas e actividades de tipo social, educativo, cultural, formativo e lúdico destinadas a promover o uso do galego”.

Anxo Lorenzo fixo estas declaracións durante a súa visita ao concello de Ribeira, onde presentou as actividades do programa Bocaberta que a secretaría xeral leva ao municipio coruñés esta fin de semana. Fíxoo acompañado do alcalde do municipio, Xosé Luís Torres Colomer; da concelleira de Educación, Juana Ermitas Crugeiras; da técnica do servizo lingüístico do concello, Alicia Padín; e de Xocas López, produtor de EME2, empresa que colabora coa secretaría xeral na actividade Detrás da canción, do programa de dinamización lingüística Bocaberta.

O mellor da música pop para achegarlles o galego aos máis novos

Detrás da canción visitará mañá o concello de Ribeira para facer gozar os mozos e mozas de 12 a 18 anos coa lingua galega. Por unha banda, a través dun obradoiro musical a cargo de Carlos Valcárcel, do grupo Projecto Mourente, onde os rapaces e rapazas terán ocasión de descubrir sinxelas técnicas para facer música desde a súa propia casa. Por outra banda, a través do concerto acústico que ofrecerá The Homens e no que o grupo fará un percorrido polo mellor do seu repertorio de música pop.

O obradoiro de Detrás da canción terá lugar ás 18:00 horas no Telecentro de Ribeira, na Confraría de Pescadores. Ás 20:00 horas, iniciará no Auditorio Municipal o concerto de The Homens.

O programa Bocaberta levou a actividade Detrás da canción, nos últimos meses, por Monforte, Castro Caldelas, Sigüeiro, Arzúa, Melide, Becerreá, O Barco, Monterroso, Chantada, Sarria, Quiroga, Ourense, O Carballiño, Celanova, Lugo, Verín, Xinzo de Limia, Allariz, A Cañiza, Ponteareas, Redondela, Pontevedra, Lalín, Fisterra, Tui, Padrón e Marín. Con este programa, que percorrerá toda Galicia ata o mes de maio, a secretaría xeral busca dinamizar o uso do galego entre os rapaces e rapazas de 3 a 18 anos.

Menús News node R