A Consellería de Educación segue pendente de que o concello de Oleiros acredite a titularidade dos terreos cedidos para o futuro CEIP de Nós
A Consellería de Educación de Educación e Ordenación Universitaria recorda que data de hoxe aínda non ten a documentación que acredita que o concello de Oleiros é titular dos terreos da parroquia de Nós, para a construción dun futuro centro educativo.
O pasado 21 de outubro de 2010 a Consellería solicitou do concello documentación relativa aos terreos que se propoñían ceder na parroquia de Nós. Dita información consistira na aclaración dunha discrepancia nos planos e sobre o espazo dispoñible para a zona de manobra dos autobuses, así como a relativa á protección histórico- artística da parcela.
En resposta a ditas necesidades o 16 de novembro o concello de Oleiros aclara as discrepancias de superficie que aparecían grafadas nos planos, e propón que a zona de manobra dos autobuses escolares se realice dentro da propia parcela, no espazo ocupado por un miradoiro, construído polos antigos propietarios da finca.
Por último, e en relación coa protección patrimonial da parcela o concello manifesta que o grado de protección non é integral. E engade que a ficha do catálogo detalla cales son os valores a protexer, e que entre eles non se atopa nin o miradoiro nin as árbores que se sitúan neste espazo, así como que a parcela ten uso dotacional docente.
Sen prexuízo das consultas que a Secretaría Xeral poda realizar á dirección xeral de Patrimonio Cultural a Xunta recorda que nunca considerou inválidos os terreos senón que solicitou aclaracións sobre os extremos expostos, dada a deficiente documentación que acompañou a cesión inicial.
Solicitude ao concello
A Consellería de Educación lamenta unha vez máis, a politización das necesidades educativas dos alumnos galegos. Ademais volve a poñer en coñecemento da alcaldía que o día 26 de xaneiro solicitouse do Concello documentación acreditativa de que a parcela figura no inventario de bens municipais, así como a certificación rexistral da titularidade municipal.
O compromiso da Consellería cos cidadáns de Oleiros e firme e consolidase nunha partida específica nos orzamentos do ano 2011 tanto para a redacción do proxecto como para o inicio da construción das obras. Asemade lamenta que nos orzamentos de exercicios anteriores se tiñan perdido partidas como consecuencia da falta de dilixencia do Concello para facer efectiva a cesión de terreos, feito que a día de hoxe aínda non se ten consumado correctamente dada a falta de documentación que se solicita.