341 alumnos obteñen praza nos Centros Residenciais Docentes da Xunta

A Consellería de Cultura e Educación publicou a resolución da convocatoria para este curso 2016/17

Sáb, 17/09/2016 - 12:00

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de resolver a convocatoria de prazas nos Centros Residenciais Docentes (CRD) da Coruña, Ourense e Vigo para o curso 2016/17. O obxectivo da mesma é facilitar a realización de estudos postobrigatorios non universitarios ao alumnado que debe desprazarse a unha poboación distinta a do domicilio familiar debido a que na súa localidade non exista un centro público que imparta a modalidade concreta do nivel educativo, familia profesional, especialidade ou ciclo formativo no que pretende matricularse e tampouco en ningunha outra localidade próxima que lle permita o desprazamento diario con facilidade.

Un total de 341 novos alumnos e alumnas obtiveron praza na presente convocatoria nestes CRD, que se engaden aos beneficiarios de cursos anteriores que teñen reserva de praza ata que completen os cursos dun nivel formativo. Á vista dos datos dispoñibles neste momento, ao redor do 80% dos usuarios terán este servizo gratuíto, de acordo co limiar de renda da convocatoria, que se mantén igual co ano pasado.

Cómpre sinalar que aínda quedan prazas vacantes nos CRD da Coruña e Ourense, polo que abrirán un período extraordinario de presentación de solicitudes entre o 15 e o 30 de setembro de 2016, ambos incluídos. No marco deste, publicarase o listado provisional o 7 de outubro, podendo interpoñer reclamación até o 11 de outubro. O definitivo publicarase o 17 do devandito mes.

Criterios de valoración

As solicitudes valoraranse conforme a criterios socioeconómicos, como a composición da unidade familiar, a orfandade ou calquera outra situación familiar especial; o número de habitantes do lugar de residencia da unidade familiar; e renda da mesma; e a criterios de rendemento académico.