As visitas ao espazo Abalar incrementáronse nun 44,5% nos últimos quince días

O portal comeza a consolidarse como canle de comunicación en Internet entre a comunidade educativa

Mar, 01/02/2011 - 11:53

Desde a súa posta en marcha a finais do mes de outubro e ata o 21 de xaneiro o espazoAbalar recibiu máis de 15.000 visitas. A plataforma, creada para fomentar a participación e a comunicación en rede de toda a comunidade educativa, experimentou un incremento de visitas nos últimos 15 días do 44,5%. O portal Abalar é unha das liñas de actuación do Proxecto Abalar, a iniciativa da Xunta para integrar as novas tecnoloxías nas aulas, que se está a implantar de xeito progresivo no eido educativo da Comunidade.

As visitas rexistradas nos últimos tres meses no espazoAbalar contribúen a acadar o obxectivo para o que foi creado, unha plataforma de participación para os pais, alumnos e profesores, no que ademais estes últimos poden acceder a recursos para a súa actividade docente.

O maior número de visitas concentrouse no repositorio de contidos no que se realizaron 8.532 descargas. A día de hoxe o repositorio consta de 640 recursos que se están a incrementar de xeito continuo. O recurso máis descargado é Adaptación Far West, correspondente ao nivel educativo de 1º de Secundaria e a materia de inglés. Este contido acumulou ata o pasado 21 de xaneiro preto de mil descargas, case o mesmo número dos outros cinco contidos máis descargados, correspondentes ao nivel de 5º de Primaria e a materia de Lingua castelá e Literatura.

A pasada semana púxose a disposición da comunidade educativa a nova versión do espazoAbalar que permite que os pais e os profesores poidan xestionar as titorías dos alumnos consultar as notas da primeira avaliación, coñecer as faltas e presentar xustificantes por internet. A Consellería de Educación e a Secretaría Xeral e Modernización están a traballar na terceira versión do espazoAbalar, un proxecto que necesita de actualizacións e enriquecementos periódicos.

Formación do profesorado

O proxecto Abalar, é unha iniciativa que se está a desenvolver de xeito progresivo a diferentes niveis para chegar a todos os colectivos da eido educativo. No ámbito da formación, os 298 coordinadores ABALAR veñen de concluír a primeira fase de formación,  sobre a integración de elementos na aula ABALAR, na que se impartiron un total de 540 horas (en 18 cursos de 30 horas cada un). A segunda fase xa está a funcionar, tanto a través de sesións presenciais e a distancia; e a terceira comezará no mes de febreiro. Está previsto que a formación dos coordinadores de Abalar remate a mediados de maio.

De xeito paralelo continúa a formación ao profesorado que forma parte do proxecto Abalar, que comezou o pasado mes de novembro. A 21 de xaneiro tíñanse impartido un total de 4.636 horas. Os módulos de formación previstos complementaranse con formación específica sobre o espazoAbalar e a xestión de contidos dixitais.

Navega con Rumbo

Esta previsto poñer en marcha unha nova edición do Plan Navega con Rumbo, que a través de charlas dirixidas a alumnos, pais e profesores, ofrece as claves para navegar pola Rede con seguridade. Os encargados de impartir estas charlas son profesionais do Colexio de Enxeñeiros Informáticos de Galicia, entidade que asinará un convenio coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica para iniciar unha nova edición de Navega con Rumbo. Na primeira edición participaron  máis de 5.000 estudantes, uns 500 profesores e 300 pais e nais que recibiron indicacións para facer un uso responsable das novas tecnoloxías para poder aproveitalas ao máximo posible e adquirir boas experiencias e novos coñecementos.