A Consellería de Educación colabora na recuperación da memoria das escolas de Cabana de Bergantiños no século XX

O director xeral de Educación, Jose Luis Mira, acudiu hoxe á inauguración dunha mostra que pon en valor a figura dos mestres e ao alumnado deste centros rurais

Sáb, 29/01/2011 - 15:28
recuperación da memoria das escolas de Cabana de Bergantiños no século XX
A Consellería de Educación colabora na recuperación da memoria das escolas de Cabana de Bergantiños no século XX

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria está a colaborar no proxecto de recuperación da memoria das escolas de Cabana de Bergantiños no século XX que, no marco do programa “Inverno da Memoria” desenvolverá o departamento de Educación, Cultura e Normalización Lingüística do Concello. Así, o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Jose Luis Mira, asistiu hoxe á inauguración da mostra, que se desenvolverá ata o 27 de febreiro.

No acto o director xeral, o alcalde, José Muíño Domínguez; e outras autoridades locais  comprobaron o resultado das obras de reforma do edificio da Escola Unitaria de Borneiro, e inauguraron a exposición Aula Histórica do Ensino, neste mesmo espazo. Tras a visita á aula, os asistentes percorreron a mostra de imaxes sobre as vellas escolas do concello e de fotografías antigas da comunidade escolar da zona.

O obxectivo da exposición é por en valor a figura dos mestres e alumnos que, nuns tempos nos que os recursos educativos eran limitados, fixeron o maior esforzo para proporcionar e acadar unha educación básica para se desenvolver no mundo. Así, neste programa participan mestres que impartiron clases nos centros escolares de Cabanas nas catro últimas décadas do século pasado, que ademais foron homenaxeados no acto de hoxe.

Visitas escolares e ás parroquias

Durante as semanas que dure a mostra, preto de 330 escolares de Cabana de Bergantiños visitarán na Escola Unitaria de Borneiro a Aula Histórica - cedida pola Consellería de Educación a través do MUPEGA (Museo Pedagóxico de Galicia)- e a exposición de imaxes; e visionarán un documental. Ademais, para achegarse á realidade do alumnado das vellas escolas, os rapaces participarán nunha sesión de xogos populares.

Nas fins de semana a exposición percorrerá os locais sociais de todas as parroquias do concello, coa lección “As escolas de Cabana de Bergantiños no século XX”, a proxección dun documental do MUPEGA sobre as escolas históricas de Galicia; e a proxección de fotografías e documentos para a memoria do ensino. Ademais, haberá unha homenaxe aos ensinantes de cada parroquia, así como actividades de música, teatro e xogos populares.

O Inverno da Memoria está organizado polo departamento de Educación, Cultura e Normalización Lingüística e conta coa colaboración da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, do CRA Os Remuíños e do CPI As Revoltas.