A Xunta iniciará este ano as obras de ampliación do CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao, en Navia

O conselleiro de Cultura e Educación explicou que xa se licitou a primeira fase das reformas, e que se está redactando o proxecto da segunda

Román Rodríguez presentou o proxecto no centro, e indicou que xa se solicitou a licenza pertinente ao Concello de Vigo

A Consellería investirá este ano máis de 2,1 millóns en melloras en 22 centros educativos de Vigo

Ven, 29/07/2016 - 13:19
A Xunta iniciará este ano as obras de ampliación do CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao, en Navia

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presentou esta mañá o proxecto de ampliación do CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao, en Navia (Vigo), que suporá un investimento de máis de 3,6 millóns de euros e a creación de 450 prazas escolares. Segundo explicou o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia está previsto iniciar neste mesmo ano as obras. De feito, a Consellería xa licitou a primeira fase da reforma e está a redactar o proxecto da segunda delas.

Neste sentido, Román Rodríguez solicitou ao rexedor vigués, Abel Caballero, a maior celeridade posible para asinar no propio centro educativo o convenio polo que o Concello pon a disposición da Xunta os terreos necesarios para a obra. De feito a Consellería ten xa pedido a pertinente licenza municipal para executala, unha vez xa foi supervisado o proxecto.

A este respecto o conselleiro de Cultura e Educación celebrou que por fin se poda avanzar nesta mellora educativa, fundamental para a parroquia viguesa de Navia, tras os atrancos postos polo Goberno municipal. Non en balde, cómpre lembrar que a Consellería comunicou ao Concello no mes de febreiro a aceptación do terreos, e que non foi ata hai escasos días cando se puido confirmar a posta a disposición dos mesmos, trámite imprescindible para a licitación das obras.

Na súa visita, o conselleiro estivo acompañado do delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves; e do secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén.

Dúas fases

A ampliación deste CEIP permitirá ampliar a súa capacidade de unha liña por curso escolar a 3, co fin de dar resposta ao incremento do alumnado do centro en máis dun 25% nestes 5 últimos anos e a previsión de crecemento futuro. Polo tanto, crearanse   450 novas prazas escolares.

A obra desenvolverase en dúas fases. Na primeira delas, xa licitada, construirase un novo módulo independente de educación infantil, con 9 aulas con aseos incorporados, sala polivalente, 3 aulas de desdobre, espazos comúns e instalacións.

Pola súa banda, a segunda fase suporá a demolición da cuberta para posibilitar a ampliación do edificio existente en 1.434,90 m² para 11 aulas – 9 deles polivalentes, 1 de música e outra de informática-  de educación primaria e 7 de apoio.

Máis de 2,1 millóns en obras

Román Rodríguez salientou o investimento que o seu departamento realizará este ano en melloras nun total de 22 centros educativos de Vigo, que ascenderá a máis de 2,1 millóns de euros. Deste xeito, ademais da deste centro, iniciarase a ampliación do IES de Teis, que permitirán  mellorar as instalacións do centro para a súa adaptación á nova FP Básica e aos ciclos formativos de 2.000 horas.

Entre as obras máis salientables que se realizan este ano están tamén a reforma do CEIP Altamar, a renovación da cociña do CEIP Sárdoma Moledo e as renovacións das cubertas dos IES  do Castro e República Oriental do Uruguai.

Estas intervencións dan conta do compromiso do departamento de Educación da Xunta de Galicia co benestar da comunidade escolar. Neste sentido cómpre lembrar que a Consellería planifica as obras de mellora en base a criterios estritamente de carácter técnico.

Deste xeito, no conxunto de Galicia o orzamento para melloras derivado do Plan da Consellería de Dotación de Infraestruturas Educativas 2016-2020 e dos recursos obtidos a través do Fondo de Superávit de Responsabilidade (co que o Goberno central recompensa a Galicia por ter cumprido o obxectivo de déficit), ascende este ano a máis de 39,7 millóns de euros, cos que se realizarán 683 actuacións en 527 centros de ensino de 219 concellos de toda a xeografía galega.