A revista de fraseoloxía do Centro Ramón Piñeiro achega a lingua galega a estudosos de todo o mundo cun novo volume

Importantes fraseólogos de Europa e de América colaboran nesta publicación, que é a única que existe actualmente sobre esta temática

Dom, 23/01/2011 - 12:04
Portadas dos Cadernos de Fraseoloxía
Portadas dos Cadernos de Fraseoloxía

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades vén de publicar un novo volume dos seus Cadernos de Fraseoloxía Galega. Trátase do duodécimo número desta revista de investigación fraseolóxica que dirixe Xesús Ferro Ruibal, académico da lingua galega que tamén dirixe e presenta o programa televisivo Ben falado!

A través de Cadernos de Fraseoloxía Galega, este centro de investigación da Secretaría Xeral de Política Lingüística contribúe coa difusión internacional do galego, xa que achega o idioma a estudosos de todo o mundo: a revista chega aos máis importantes fraseólogos de Europa e de América e tamén, en intercambio, a todas as bibliotecas universitarias de España e de Portugal. Os anteriores números da revista, a única que existe actualmente sobre fraseoloxía, están accesibles na Rede, en formato pdf, desde o enderezo electrónico http://www.cirp.es.

Recolla da fraseoloxía galega e universal en Galicia

Fraseólogos de Europa e de América colaboran xenerosamente neste proxecto de ecoloxía lingüística que pretende estimular a recolla e mais a investigación da fraseoloxía galega e da fraseoloxía universal en Galicia. Ao mesmo tempo, a revista forma parte dun proxecto social de normalización da lingua propia de Galicia.

Neste novo número de Cadernos de Fraseoloxía Galega están representadas a Universidade de Santiago de Compostela; Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades; Escola Oficial de Idiomas de Vigo; IES Sánchez Cantón de Pontevedra; Universidad de Alcalá de Henares; Universidad de Oviedo; Universidad de Salamanca; Euskal Herriko Unibertsitatea/Universidad del País Vasco; Eötvös Loránd Tudományegyetem (Universidade Eötvös Loránd de Budapest); Nyugat-magyarországi Egyetem (Universidade de Nyugat Egyetem de Hungría); Helsingin Yliopisto (Universidade de Helsinki) e Geisteswissenschaftliches Zentrum (Universität Leipzig).

Desenvolvemento da investigación sobre lingua galega

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades é un servizo de investigación da Secretaría Xeral de Política Lingüística que ten como obxectivo primordial a promoción e o desenvolvemento de proxectos e de programas galegos de estudos lingüísticos, literarios, históricos e antropolóxicos, así como a súa difusión.