Política Lingüística promove a incorporación do galego ao ámbito das ciencias coa publicación do Dicionario de Bioloxía

A obra, realizada en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela e coa Real Academia Galega, constitúe un impulso á terminoloxía e á estandarización do idioma

Dom, 23/01/2011 - 12:00
P
Portada do dicionario

A incorporación da lingua galega ao ámbito das ciencias suma un novo impulso coa publicación do Dicionario de Bioloxía. Esta obra de carácter global, que abrangue toda a Bioloxía, inclúe termos en galego relacionados coa Antropoloxía, a Bioquímica e a Bioloxía Molecular, a Zooloxía, a Botánica, a Fisioloxía, a Xenética, a Microbioloxía, a Ecoloxía, a Bioloxía Celular e o Medio Ambiente. Ademais, tamén achega as equivalencias en castelán e en inglés, así como un índice de termos en cadansúa lingua.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela veñen de editar este dicionario trilingüe de termos biolóxicos que foi coordinado por Jaime Gómez Márquez, Ana María Viñas Díaz e Manuel González González, e redactado por David Villar e Luís Vale.

A obra foi revisada lingüisticamente polo Termigal, o servizo de terminoloxía do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades –en que colaboran a Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais Real Academia Galega–, que ten como fin recoller e someter a estudo problemas e propostas denominativas sobre termos.

Recursos terminolóxicos en lingua galega

O Dicionario de Bioloxía nace coa vontade de converterse nunha ferramenta de utilidade para que as persoas interesadas poidan expresar correctamente en lingua galega –no seu traballo educativo, investigador ou de divulgación– os principais termos da Bioloxía.