Os mozos e mozas de 22 concellos poderán gozar co galego esta semana a través das propostas máis divertidas de Bocaberta

A maxia, a palabra e a música protagonizan, nos próximos días, as actividades deste programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística

Lun, 24/01/2011 - 17:05
Cartel do programa
Cartel do programa

Os mellores trucos e a maxia da palabra son algúns dos eixes principais das actividades que esta semana levará por 22 concellos de Galicia Bocaberta, o programa de dinamización do galego que promove a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Os mozos e mozas de 3 a 18 anos poderán elixir entre un grande abano de propostas adaptadas á súa idade e intereses.

Abrapalabra é unha das propostas desta semana dentro da programación de Bocaberta. Os trucos, en directo, sen trampa nin cartón, do prestidixitador Carlos Coira farán gozar da maxia das palabras os nenos e nenas que asistan ás representacións desta actividade, que visitou hoxe Paradela e Portomarín. Abrapalabra continuará mañá o seu percorrido por Corgo e Castroverde, o mércores estará en Samos e Triacastela e o xoves realizará novas paradas en Láncara e mais en Baralla. A actividade rematará a semana nas localidades de Pol e Baleira este venres.

A palabra tamén é a protagonista de Señor Mundo, dígame?, un recital de poesía e unha representación teatral que lles cede a palabra aos nenos e nenas para converterse en obradoiro de teatro. Mañá, a actividade visitará Boqueixón e Dodro. O xoves estará en Monfero e Vilarmaior e o venres rematará a semana en Covelo e no Rosal. Entre tanto, Palabras no ar, unha actividade que mestura a maxia das palabras coa maxia da radio, a pintura e a expresión escrita, celebrará os seus obradoiros de luns a venres en Caldas de Reis para os nenos e as nenas de 8 a 13 anos.

Fin de semana musical

Na fin de semana, tócalle á música. A proposta musical En clave de conto, destinada aos máis pequenos e na que participan diversos actores e músicos de prestixio, realizará o obradoiro “Eu falo así” o venres en Vilalba e o concerto “A nena o e grilo” o sábado na Estrada. Tamén para os máis pequerrechos vai destinado o musical infantil Ola, ola, la!, no que o grupo Mamá Cabra interpreta en directo os seus éxitos. Esta actividade visitará Vilagarcía de Arousa o sábado. Finalmente, os nenos e nenas poderán gozar da música tradicional, da percusión e dos xogos lingüísticos de toda a vida con Canta música!, un obradoiro que estará o sábado en Santiago de Compostela e mais en Lugo.

Mentres, os adolescentes teñen en Azou a súa proposta para a fin de semana: neste proxecto, baseado na creación dun grupo de hip-hop a través de castings, os participantes cantan, bailan e aprenden como se fai rap, da man do MC García, de Dios Ke Te Crew. Azou, que fará parada o venres en Vilalba e o sábado en Ribadeo, xira arredor do proceso de creación dunha banda de música formada por dúas mozas e un mozo. Os protagonistas, cheos de enerxía e talento, cantan, bailan e poñen en escena unha proposta única que, facendo uso das últimas tendencias tecnolóxicas, mestura imaxes, sons e animacións.

En galego, con naturalidade

Bocaberta é un programa co que a Secretaría Xeral de Política Lingüística anima os mozos e mozas dos 3 aos 18 anos a empregar o galego con naturalidade. Para máis información de horarios e localizacións, o programa conta cun boletín semanal, accesible desde o web http://www.xunta.es/linguagalega/bocaberta. Ademais, co obxectivo de ligar as actividades ao público infantil e xuvenil ao que van dirixidas, puxéronse en funcionamento canles de Bocaberta nas principais redes sociais da internet (Facebook, Twitter e Tuenti).

Un percorrido por todos os concellos de Galicia

Bocaberta é un programa co que a Secretaría Xeral de Política Lingüística levará a todos os concellos de Galicia, ata o próximo mes de maio, un total de 747 actividades, destinadas a fomentar o uso do galego entre os mozos e mozas entre 3 e 18 anos. A música pop, a maxia, a banda deseñada, os obradoiros de escrita e de oralidade ou as novas tecnoloxías centran as actividades deste programa de dinamización lingüística.

Menús News node R