126 concellos reciben axudas da Consellería de Cultura e Educación para promover o uso do galego

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola que se conceden subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega

Reciben as axudas 30 concellos máis que no ano 2015, o que supón un incremento do 31 % nas entidades receptoras

Estas axudas fan posible a creación de 9 novos servizos lingüísticos que lles dan cobertura a 20 concellos, así como o mantemento doutros 43 xa existentes que traballarán para a cidadanía de 59 municipios

99 dos concellos beneficiarios pertencen á Rede de Dinamización Lingüística impulsada pola Xunta de Galicia para favorecer o uso e a valoración social do galego no ámbito local

Xov, 21/07/2016 - 14:27

126 concellos galegos beneficiaranse das axudas da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para levar a cabo accións de promoción do uso da lingua galega no ámbito local. A Secretaría Xeral de Política Lingüística publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a Resolución do 13 de xullo de 2016  (que se pode consultar no enlace: http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20160721/AnuncioG0164-140716-0001_gl.html ) pola que se conceden subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega, ao abeiro da convocatoria regulada na Orde do 31 de marzo de 2016.

A Consellería de Cultura e Educación apoia así economicamente, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, 126 concellos que solicitaron -individualmente ou agrupados con outros para alcanzar os 3000 habitantes que esixe a convocatoria- subvención para a prestación de servizos lingüísticos baixo algunha das tres modalidades posibles: creación dun servizo lingüístico, mantemento dun servizo existente ou implementación de programas de dinamización lingüística.

O número de concellos apoiados pola Xunta de Galicia no seu labor de promoción do uso da lingua propia de Galicia desde o ámbito local, amplíase en 30 entidades con respecto á convocatoria anterior (na que recibiron estas axudas un total de 96), o que supón un incremento do 31 %.

A esta convocatoria puideron concorrer todos os concellos ou agrupamentos locais cunha poboación mínima de 3000 habitantes e nela déuselle preferencia ao mantemento dos servizos lingüísticos e á súa xestión compartida, que permitiu incrementar a puntuación ata nun 30 %. Deste xeito, búscase apoiar a estabilidade e a continuidade das accións dinamizadoras, así como a prestación de servizos mancomunados na Administración local, en favor dunha cobertura uniforme de Galicia e dunha atención que chegue a toda a cidadanía, pois máis do 50 % dos municipios galegos non alcanza os 3000 habitantes.

Mantemento e creación de novos servizos

En virtude desta convocatoria, apóiase a continuidade da actividade de 43 servizos lingüísticos xa existentes. Como 10 deles pertencen a agrupamentos de concellos, prolóngase a cobertura do servizo lingüístico á cidadanía en 59 municipios.

Por outra banda, créanse 9 novos servizos que lles dan cobertura a 20 concellos máis. Son os de Cedeira, Sada e, agrupados, os de Xunqueira de Ambía e Nogueira de Ramuín; Vilamarín e A Peroxa; Castro Caldelas, San Xoán de Río, Parada de Sil, Montederramo e A Teixeira; Carballedo, Chantada e San Cristovo de Cea; A Pontenova e Trabada; Castrelo de Miño e Baños de Molgas e mais Vimianzo e Zas.

Actividades de dinamización

As subvencións apoian o financiamento de diferentes programas de dinamización, tanto nos concellos que contan con servizo lingüístico coma noutros 47 que, malia non dispoñer del, recibirán axuda para desenvolver actividades ou campañas de promoción do uso do galego.

De acordo coa orde de convocatoria, valoráronse máis aquelas propostas que redundan na promoción do uso do noso idioma nalgún dos seguintes ámbitos: deporte, mocidade, TIC, economía e servizos sociais. Tamén se lles deu preferencia ás entidades solicitantes que forman parte da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. Tal é o caso de 99 dos 126 concellos beneficiarios das axudas.

As contía asignadas pódense consultar no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal. As entidades beneficiarias poderán imputar os gastos derivados das accións normalizadoras que se realicen no período que vai desde o 1 de xaneiro ao 15 de outubro de 2016.

Menús News node R

Colectivo