Trece escolas unitarias deixarán de funcionar en Galicia por mor do baixo número de alumnos

Como cada ano, a Consellería de Cultura e Educación adapta as necesidades educativas de cada zona á realidade social para garantir a viabilidade da escola, sobre todo no eido rural

O departamento educativo mantén os mesmos criterios que nos últimos anos, que é pechar aqueles centros que conten con cinco ou menos nenos matriculados

Segundo os datos do IGE, a caída demográfica fai que para o vindeiro curso haxa catrocentos cincuenta e seis alumnos/as menos para escolarizar en 4º de Infantil (3 anos)

Ven, 15/07/2016 - 10:23

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de rematar a revisión da matricula dos centros escolares públicos nos niveis de educación infantil, educación primaria e educación especial para o vindeiro curso 2016-2017, un proceso habitual que se leva a cabo todos os anos antes do inicio de cada curso co fin de adecuar o número de unidades ao de alumnas e alumnos matriculados en cada centro educativo.

Conforme aos datos definitivos de matrícula, o vindeiro curso escolar deixarán de prestar servizo educativo 13 escolas unitarias, debido ao baixo nivel de alumnado nestes centros. Cómpre sinalar que a Consellería mantén, un ano máis, o mesmo criterio para suprimilas. É dicir, que conten con cinco ou menos alumnos/as. Ademais, os datos demográficos amosan unha caída do número de escolares na etapa de Infantil, pola baixa natalidade. De feito, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística, o vindeiro curso haberá 456 alumnos/as menos que entran en 4º curso de Infantil (de 3 anos).

Así, na provincia da Coruña non reúnen os requirimentos para continuar abertas as EEI de Xaviña, en Camariñas (con 3 alumnos/as); a EEI de Encrucilladas (con 3 alumnos/as) e a EEI de Gontade (con 4 alumnos/as), as dúas de Carballo; a EEI de Sorribas en Rois (con 3 alumnos/as); e os CEIP de Calvario en Cerceda (con 5 alumnos), o CEIP de Merelle en Ordes (con 4 alumnos), o CEIP de Angueira de Suso en Padrón (con 5 alumnos), e o CEIP de Boebre en Pontedeume (con 4 alumnos).

Na provincia de Lugo deixa de prestar servizo neste próximo curso o CEP de Castelao, de Vilalba. Neste caso, o peche responde a unha decisión das propias familias, xa que todas elas (un total de 14) optaron por matricular aos seus fillos e fillas noutros centros da vila, quedando por tanto este centro sen alumnado.

Por último, na provincia de Pontevedra, deixarán de funcionar a EEI de Moreira en Gondomar (con 5 alumnos/as), a EEI do Sartal en Poio (con 3 alumnos/as), a EEI de Xustáns en Pontecaldelas (con 5 alumnos/as) e a EEI de Pontellas no  Porriño ( con 5 alumnos/as).

Tamén cada ano, atendendo aos datos oficiais de matrícula, lévase a cabo un proceso de reorganización de unidades dentro dos propios centros educativos que conleva, ben a creación de novas unidades, ben a supresión doutras e o reagrupamento en función do incremento ou diminución de alumnado. Así mesmo, habilitáronse unidades (sen creación) para o suposto de desdobramentos de aulas cando existe un incremento puntual ou circunstancial do número de alumnos ou alumnas; pero non hai perspectivas que garantan que esa situación se consolide nos vindeiros anos. Os datos globais das unidades por provincias son os que a seguir se detallan:

Provincia

Supresións

Creacións

Habilitacións

TOTAIS

A Coruña

-17

+11

+19

+13

Lugo

-4

+8

+6

+10

Ourense

-7

 

+16

+9

Pontevedra

-20

+3

+3

-14

TOTAIS

-48

+22

+44

+18

Os datos concretos poden consultarse no enderezo web http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2016/20160715/AnuncioG0164-060716-0001_gl.html .

Esta decisión da Consellería responde á obriga de realizar unha xestión eficiente dos recursos educativos sostidos con fondos públicos, adecuándoos tanto ás necesidades educativas de cada zona como á realidade social. En calquera caso, todos os alumnos e alumnas destes centros teñen asegurada unha praza escolar noutro centro educativo próximo.