O programa de dinamización lingüística Bocaberta chega a 24 concellos a través da música, da maxia e da banda deseñada

O proxecto da Secretaría Xeral de Política Lingüística organiza múltiples actividades durante toda a semana dirixidas a promover o uso do galego entre os máis novos

Lun, 17/01/2011 - 17:06
a
Actividade do programa

O programa Bocaberta levará esta semana actividades para gozar a través da lingua galega a 24 concellos de toda Galicia. Na previsión de actos para os próximos días, hai lugar para a música pop e infantil, a maxia, a poesía máis divertida ou a banda deseñada, en consonancia cos intereses e inquedanzas da franxa de poboación á que vai dirixido este programa da Secretaría Xeral de Política Lingüística: os rapaces e rapazas de 3 a 18 anos. Dentro da programación semanal tamén se inclúe o novo número da revista de cómic galego Galimatías, que sairá á rúa este venres.

A semana comeza con Ti creas a historia, unha actividade centrada na banda deseñada. Esta proposta, que consiste nun obradoiro no que o debuxante Anxo Fariña amosa os segredos da profesión, estivo hoxe en Cotobade, o martes visitará Lousame e o mércores parará en Dodro.

A poesía, na súa vertente máis divertida, é o eixo de Señor Mundo, dígame? A actividade fará gozar os máis pequenos da casa nos concellos de Muras, Ourol e Viveiro, o xoves; e de Pontecesures, Meis e Ribadumia, o venres.

Música para nenos e para adolescentes

A mellor música en galego, para todas as idades, será tamén unha das temáticas protagonista da semana. Os máis pequenos poderán asistir o venres, en Muros, ao obradoiro de En clave de conto, baseado na canción “Cri cri”, do libro A nena e o grilo, ou ao concerto-espectáculo desta mesma proposta que se celebrará o sábado en Vilalba.

Mentres, os sons tradicionais, as adiviñas e os xogos lingüísticos en galego de Canta música! farán gozar aos nenos e nenas de Ponte Caldelas, o venres, e de Tui e do Porriño, o sábado. Tamén para os máis novos está dirixido o musical Ola, ola, la! O grupo Mamá Cabra levará a cabo esta actividade o sábado en Vilagarcía de Arousa.

O público de entre 12 e 18 anos terá tamén unha ampla oferta de música en galego. Dunha banda está o hip-hop de Azou, o obradoiro-espectáculo baseado na creación dun conxunto deste estilo musical a través dun casting. Estará en Rianxo o venres, en Cangas o sábado e en Oleiros o domingo. Doutra banda está Detrás da canción, que fará parada o venres en Tui, o sábado en Padrón e o domingo en Marín. Trátase dunha actividade baseada na música pop que consta de dúas partes: en primeiro, Carlos Valcárcel, do grupo electrónico Projecto Mourente, imparte un curso para crear música facilmente e con ferramentas como o ordenador da casa ou programas de fácil manexo; a continuación, a banda The Homens ofrece un concerto acústico co mellor do seu repertorio.

Os trucos máis enxeñosos e a maxia das palabras

Finalmente, Bocaberta tamén terá tempo para achegarse á maxia nos próximos sete días. Farao o venres en Guntín e no Páramo, a través de Abrapalabra, un espectáculo no que os trucos e a maxia da lingua se dan a man. O sábado, na Rúa e mais en Sarria será a quenda de Atrapado na torre, no que Chrystian Magic lles descubrirá aos nenos e nenas como, a través do esforzo, se converteu en prestidixitador profesional.

Galimatías, a revista que reúne o mellor do cómic galego, pon a guinda a unha semana chea de actividades. Un novo número desta publicación, elaborada pola editorial El Patito, entrégase o venres 21 de xeito gratuíto, acompañando o xornal El Correo Gallego.

Actividades en 24 concellos das catro provincias

Cotobade, Lousame, Muras, Ourol, Dodro, Viveiro, Pontecesures, Meis, Ribadumia, Tui, Guntín, O Páramo, Muros, Rianxo, Ponte Caldelas, Padrón, A Rúa, Sarria, Vilagarcía de Arousa, Vilalba, Cangas, O Porriño, Marín e Oleiros: vinte e catro concellos, das catro provincias galegas, acollerán na semana que entra actividades do programa Bocaberta, co que a Secretaría Xeral de Política Lingüística anima os rapaces e rapazas dos 3 aos 18 anos a empregar o galego con naturalidade.

Para máis información de horarios e localizacións, o programa conta cun boletín semanal, accesible desde o web http://www.xunta.es/linguagalega/bocaberta. Ademais, co obxectivo de ligar as actividades ao público infantil e xuvenil ao que van dirixidas, puxéronse en funcionamento canles de Bocaberta nas principais redes sociais da internet (Facebook, Twitter e Tuenti).

Menús News node R