A Consellería de Educación concede os premios extraordinarios de bacharelato 2009/2010 a dezanove estudantes galegos

Os galardoados, aos que se lles recoñeceu o esforzo desenvolvido nos seus estudos poderán optar aos Premios Nacionais que se celebrarán no mes de abril de 2011

Lun, 17/01/2011 - 10:41

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar a listaxe cos dezanove galardoados cos premios Extraordinarios de Bacharelato do curso 2009-2010. Deste xeito, cada un dos premiados, ve recoñecido o seu esforzo nos estudos e ademais percibirán unha gratificación de 1.000 euros como premio económico ao seu traballo.

Entre os premiados hai nove estudantes da provincia da Coruña, cinco de Pontevedra, tres de Lugo e dous de Ourense. En total dezanove premiados que cobren a cota máxima fixada na convocatoria. Todos eles obtiveron no curso pasado unha media superior a 8,75 puntos, na que se computa as cualificacións obtidas nas materias comúns dos dous cursos de bacharelato.

Ademais os estudantes superaron probas específicas, celebradas no mes de novembro, para obter o premio, nas que tiveron que realizar unha análise e comentario crítico dun texto de carácter xenérico, histórico, filosófico ou literario, así como respostar a preguntas xerais, realizadas sobre un texto na lingua estranxeira que tiveran cursado como materia común no bacharelato. Tras isto debían desenvolver temas relativos ás materias que cursaran durante o bacharelato. Os gañadores foron aqueles que obtiveron a máxima puntuación entre as dúas probas.

Tras este recoñecemento ao seu esforzo os gañadores terán a posibilidade de presentarse aos premios de Nacionais de Bacharelato que se celebrarán no mes de abril de 2011.

Os premiados da provincia da Coruña  foron Noelia María Galán Rodríguez, do IES Francisco Aguiar de Betanzos; Miguel Paz Prieto, do IES de Fene; Adrián Esteban García, do IES David Buján de Cambre; Pablo Almuiña do IES Rosalía de Castro de
Santiago de Compostela; Roque Sampedro López, do IES de Ames. Da cidade da Coruña resultaron galardoados Bruno de Soto Lobón e Jorge García Lema do Liceo da Paz e a Compañía de María respectivamente. Mentres que de Ferrol os premiados foron Federico Pedreira Nores e Noelia Cabanas Vellón, do IES Sofía Casanova e IES Leixa respectivamente.

Na provincia de Pontevedra distinguiuse o traballo de Claudia Martínez Boubeta, do IES As Barxas en Moaña; e de Estrella Fariña Vázquez do IES Valle Inclán de Pontevedra. Da cidade de Vigo os gañadores foron Pedro Viaño Nogueira, do Santiago Apostol; Ana Gómez López, do colexio Miralba; e Alba Rodríguez Meira do IES Álvaro Cunqueiro.

Os seleccionados da provincia de Lugo resultaron ser Enma Fernández Fernández, do IES Río Cabe en Monforte de Lemos; Andrés Vázquez Figueiras do IES Lama das Quendas, en Chantada; e Javier Valle Regueira do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes. Pola súa banda en Ourense os dous mellores estudantes foron do IES Nº1 do Carballiño: Laura Fernández González e Patricia Fernández Redondo.