O programa Bocaberta visita esta semana 14 concellos con múltiples actividades para fomentar o uso da lingua galega

A iniciativa da Secretaría Xeral de Política Lingüística, destinada a rapaces e rapazas de 3 a 18 anos, inclúe na súa axenda para os próximos días accións relacionadas coa música, o cómic, a maxia e a radio

Lun, 10/01/2011 - 13:37
Ti creas a historia, o obradoiro no que o debuxante Anxo Fariña –autor da saga O
Ti creas a historia, o obradoiro no que o debuxante Anxo Fariña –autor da saga Os Megatoxos– mostra o proceso de creación dun cómic

Un total de 14 concellos galegos acollerán durante esta semana múltiples actividades de Bocaberta, o programa co que a Secretaría Xeral de Política Lingüística busca promover o uso do galego entre os rapaces e as rapazas de 3 a 18 anos. As propostas para os próximos días son do máis variado e van da música pop ao cómic, a maxia e a radio.

A banda deseñada terá esta semana moita relevancia en Bocaberta. Ti creas a historia, o obradoiro no que o debuxante Anxo Fariña –autor da saga Os Megatoxos– mostra o proceso de creación dun cómic, ten seis paradas programadas. Carral e Abegondo recibirán mañá esta actividade, que tamén estará o mércores en Tordoia e Zas e o xoves en Ponteceso e Laxe.

No tocante á música, a fin de semana estará chea de actividade. O pop en galego soará con forza a través de Detrás da canción en Pontevedra (o venres), Lalín (o sábado) e Fisterra (o domingo). Esta actividade, dirixida a mozos e mozas dos 12 aos 18 anos, conta, por unha banda, cun obradoiro para aprender a facer música por ordenador na casa, impartido por Carlos Valcárcel, do grupo Projecto Mourente; e, por outra, cun concerto acústico do grupo The Homens.

Para os máis pequenos da casa haberá tamén alternativas moi interesantes. Os nenos e nenas de Pontevedra teñen unha cita o sábado con Canta música!, o obradoiro de sons tradicionais que levan a cabo Olga Kirk e Pablo Díaz. Os de Muros poderán participar, ese mesmo día, no concerto-espectáculo En clave de conto, unha iniciativa que pon en marcha OQO editora e que conta con músicos, cantantes e actores de recoñecido prestixio para achegar os máis pequenos á lingua galega.

Obradoiros de radio

Outra das propostas estrela desta semana é Palabras no ar, unha iniciativa da Secretaría Xeral de Política Lingüística en colaboración coa editorial Kalandraka que combina obradoiros de expresión escrita e de deseño coa gravación de programas de radio que, posteriormente, se emiten na Rede de Emisoras Municipais de Galicia. Palabras no ar estará mañá e o mércores en Quiroga, para desprazarse o xoves e o venres a Palas de Rei.

Finalmente, a maxia de Atrapado na Torre fará gozar os máis novos, o sábado, en Ribadeo e en Pontedeume.

Toda a programación de Bocaberta, na rede

Os municipios de  Carral, Quiroga, Abegondo, Tordoia, Zas, Laxe, Ponteceso, Palas de Rei, Pontevedra, Ribadeo, Pontedeume, Muros, Lalín e Fisterra terán nesta semana actividades dentro da programación de Bocaberta, coa que a Secretaría Xeral de Política Lingüística anima aos mozos e mozas dos 3 aos 18 anos a empregar o galego con naturalidade.

Toda a información sobre os horarios e as localizacións das actividades poden consultarse no boletín semanal do programa, accesible desde o web http://www.xunta.es/linguagalega/bocaberta, así como nas canles de Bocaberta nas principais redes sociais da internet (Facebook, Twitter e Tuenti).

Un percorrido por todos os concellos de Galicia

A música pop, a maxia, a banda deseñada, os obradoiros de escrita e de oralidade ou as novas tecnoloxías centran as actividades do programa Bocaberta, co que a Secretaría Xeral de Política Lingüística promoverá o uso do galego entre os máis novos, por todos os concellos de Galicia, ata o próximo mes de maio.

Menús News node R

Tema