Cultura e Educación e a USC asinan un convenio de colaboración para impulsar a investigación en biomedicina e física

Ao abeiro deste acordo, a Consellería destinará máis de 900.000 euros co fin de favorecer a apertura e posta en funcionamento do Centro de Biomedicina Experimental (CEBEGA) e mellorar os espazos da Facultade de Física

O conselleiro salientou que esta actuación é unha mostra do compromiso da Xunta de Galicia coa investigación universitaria de referencia no ámbito da ciencia e da tecnoloxía

Lun, 13/06/2016 - 12:55
Cultura e Educación e a USC asinan un convenio de colaboración para impulsar a investigación en biomedicina e física

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño, asinaron esta mañá un convenio de colaboración co fin de impulsar a investigación universitaria nas áreas de biomedicina e biotecnoloxía, así como na de física, “dúas áreas estratéxicas para o avance da investigación galega”, salientou o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia.

Este acordo, que conta cun investimento da Consellería de máis de 900.000 euros, ten dous obxectivos. Por un lado permitirá dotar ao Centro de Biomedicina Experimental (CEBEGA) dos sistemas, equipamento e mobiliario necesarios para a súa apertura e posta en funcionamento e, por outra banda, con esta partida tamén se acondicionarán os laboratorios e espazos de investigación na Facultade de Físicas, sobre todo aqueles nos que desenvolve a súa actividade a Agrupación Estratéxica de Física Fundamental e Aplicacións na Tecnoloxía e a Saúde (AEFIS) e os científicos Starting Grant, beneficiarios dun contrato do ERC (Consello Europeo de Investigación). 

De feito, no acto de sinatura estiveron presentes, ademais do conselleiro e o reitor, a vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes Rey; a subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica da Xunta, María Jesús Nieto Tallón; o director do CEBEGA, Anxo Vidal Figueroa; o decano da Facultade de Física, Luís Miguel Varela; e o investigador Carlos Salgado, que ostenta unha Starting Grant.

Polo de referencia

Segundo destacou o conselleiro durante a súa intervención, este convenio coa USC é unha nova mostra do compromiso da Xunta de Galicia coa investigación universitaria de referencia, neste caso no ámbito da ciencia e da tecnoloxía, dous campos estratéxicos para o avance científico do Sistema Universitario Galego e, por ende, do propio país. De feito, un dos obxectivos desta actuación pasa por atraer ao SUG a investigadores internacionais capaces de liderar proxectos de alto impacto nos centros tecnolóxicos e de investigación galegos.

Con esta nova colaboración, a Consellería busca seguir favorecendo e consolidando ao Campus de Excelencia Internacional ‘Campus Vida’ como un polo de referencia internacional no ámbito da biomedicina e da biotecnoloxía. Un clúster sustentado, a maiores do CEBEGA, no Hospital Veterinario Rof Codina, no CEBIOVET –ámbolos dous situados no campus de Lugo e enmarcados dentro do Campus Terra– e no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).

CEBEGA, punto neurálxico para as Ciencias da Vida

Con esta achega de máis de 900.000 euros, a Consellería volve mostrar o seu compromiso con este centro de innovación e investigación, ao que xa destinou máis dun millón de euros no 2012 para axudar á súa construción. O CEBEGA nace co obxectivo de prestar servizo a todos os axentes do ámbito das Ciencias da Vida que demandan animais de laboratorio de calidade, definidos eticamente, e que traballan no ámbito da biomedicina.

Ademais, tamén achegará as infraestruturas singulares para as técnicas máis avanzadas de investigación biomédica, dotando aos científicos das instalacións e dos laboratorios de apoio axeitados para a realización da súa investigación nun entorno óptimo.

Para dar resposta a estas necesidades, así como para garantir a apertura e a súa posta en funcionamento, a Xunta financiará os sistemas de control, monitorización de instalacións, seguridade, sinalética e comunicacións; o equipamento sanitario, de esterilización, desinfección e servizos varios; o equipamento científico auxiliar; así como o mobiliario de apoio e dotación de vestiarios e baños. Ademais, tamén se fará cargo da obra de urbanización do entorno do edifico.

Renovación de espazos

Por outro lado, e tendo en conta que os laboratorios e espazos da Facultade de Física da USC resultan insuficientes para levar a cabo as actividades da AEFIS e os proxectos dos Starting Grant asociados á dita agrupación estratéxica, este investimento servirá tamén para acondicionar estas instalacións