Bocaberta inicia con bo ritmo a súa programación de 2011 da man dos grupos de pop Projecto Mourente e The Homens

A Secretaría Xeral de Política Lingüística leva hoxe a Redondela Detrás da canción, a primeira actividade do ano deste programa de fomento do uso do galego

Mar, 04/01/2011 - 10:10

O programa Bocaberta, co que a Secretaría Xeral de Política Lingüística busca fomentar o uso da lingua galega entre os rapaces e rapazas dos 3 aos 18 anos, inicia o ano ao ritmo da mellor música en galego. Faino a través das actividades Detrás da canción e Canta música!

A música pop e as novas tecnoloxías son os eixes centrais de Detrás da canción, un proxecto levado a cabo pola empresa Eme2 no que se xuntan os grupos de pop galego Projecto Mourente e The Homens. O primeiro é o encargado de dirixir un obradoiro no que os mozos e mozas aprenden a compoñer, gravar e difundir cancións con equipo e programas caseiros; o segundo ponlle a guinda á actividade cun concerto acústico. Detrás da canción, que visita hoxe o concello pontevedrés de Redondela, é a primeira actividade de 2011 dentro de Bocaberta.

Para os máis pequenos está destinada a actividade Canta música!, que visitará Marín o sábado próximo. A través destes obradoiros, coordinados por Pablo Díaz e Olga Kirk, os nenos e nenas aprenden cancións tradicionais galegas, trabalinguas, adiviñas e outros xogos lingüísticos valéndose de cunchas, pandeiretas e outras percusións.

Toda a información sobre Bocaberta

Para máis información sobre horarios e localizacións, o programa conta cun boletín semanal, accesible desde o web http://www.xunta.es/linguagalega/bocaberta, así como con canles nas principais redes sociais de internet (Facebook, Twitter e Tuenti).

Máis de 700 actividades por todos os concellos de Galicia

Bocaberta é un programa co que a Secretaría Xeral de Política Lingüística levará a todos os concellos de Galicia, ata o próximo mes de maio, un total de 747 actividades, destinadas a fomentar o uso do galego entre os mozos e mozas entre 3 e 18 anos. A música pop, a maxia, a banda deseñada, os obradoiros de escrita e de oralidade ou as tecnoloxías da información e da comunicación son algunhas das temáticas que centran as actividades de  Bocaberta.

Menús News node R

Tema