Unha publicación do Centro de Estudos Galegos da Universidade do País Vasco dá mostra do diálogo cultural entre Galicia e Euskadi

A obra, Galicia en Euskadi, foi presentada nas xornadas de formación para os lectores de galego que vén de organizar a Secretaría Xeral de Política Lingüística

Xov, 30/12/2010 - 12:23

“Somos pontes de ida e volta, camiños invisibles polos que transitan relacións e vínculos que permanecen no tempo; somos testemuñas e partícipes do diálogo intercultural que, ademais de enriquecer as partes implicadas, fai de nós un lugar concreto no mundo, unha cara amable que se converte nunha referencia cultural, onde non importa a distancia física que nos separa no mapamundi, senón a ilusión coa que cada día nos erguemos para amosar todo un mundo: Galicia”.

Así se definen os lectores e lectoras de galego que pasaron polo Centro de Estudos Galegos (CEG) da Universidade do País Vasco desde a súa creación, en 1996. Fano a través das páxinas de Galicia en Euskadi, unha que dá boa mostra do labor que foron desenvolvendo cada un deles durante o período que permaneceron vinculados á universidade.

O volume Galicia en Euskadi, que foi presentado nas xornadas de formación para os lectores e lectoras de lingua e literatura galegas organizadas esta semana en Santiago de Compostela pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, está artellado en dous corpos principais. Por unha banda, os traballos gañadores do certame literario “Galicia en Euskadi”, unha das iniciativas que maior transcendencia tivo pola súa continuidade. Trátase dun certame que constitúe unha oportunidade de facer visible o diálogo cultural entre Galicia e Euskadi. Por outra banda, a obra recolle algúns dos traballos que forman parte da actividade investigadora, docente e promotora da lingua e da cultura galegas no exterior promovida polo CEG da Universidade do País Vasco.

Máis de 200 universitarios estudaron galego en Euskadi no curso 2009/2010

A Secretaría Xeral de Política Lingüística abriu o Centro de Estudos Galegos na Facultade de Letras da Universidade do País Vasco en 1996, co fin de promover a formación en lingua, literatura e cultura galegas entre o alumnado universitario, así como de difundir os valores sociais e culturais de Galicia entre a colectividade galega e aqueloutras persoas interesadas nesta realidade. A eles están dirixidas as actividades de carácter docente, investigador e cultural que se levan a cabo ano tras ano desde este centro de estudos galegos.

Na actualidade, a Secretaría Xeral de Política Lingüística impulsa a proxección exterior da lingua e da cultura galegas no País Vasco a través dos centros de estudos galegos da  Universidade do País Vasco e mais da Universidade de Deusto. No curso académico 2009/2010, estudaron lingua e literatura galegas nestas universidades 245 alumnos e alumnas.