Román Rodríguez destaca a aposta pola especialización en Ourense a través do Campus da Auga e do novo Grao de Enxeñaría Aeroespacial

O conselleiro participou no acto de graduación en Turismo e en Administración e Dirección de Empresas da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo

Ven, 03/06/2016 - 19:15
Román Rodríguez destaca a aposta pola especialización en Ourense a través do Campus da Auga e do novo Grao de Enxeñaría Aeroespacial

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, destacou esta tarde a aposta da Xunta pola especialización do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, que se sustenta no proxecto do Campus da Auga e na implantación do novo Grao de Enxeñaría Aeroespacial. Trátase de dúas accións que responden ás necesidades da contorna, e que axudarán a potenciar a investigación e a promover a innovación no tecido industrial.

Con motivo do acto de graduación do grao en Turismo e do Grao en Administración e Dirección de Empresas (ADE) da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia subliñou que o Campus da Auga “está situando á cidade na vangarda europea da investigación e innovación en torno a este recurso natural”, mentres que a nova titulación colocará Ourense como referente “na formación académica, na investigación e na industria” dentro deste eido.

Premios extraordinarios fin de carreira

Román Rodríguez felicitou ao alumnado graduado polo seu esforzo e motivación ao longo destes anos, así como ao seu profesorado e ás súas familias por ser co-partícipes do “logro” acadado. En concreto, os graduados son un total de 116 mozos e mozas: 54 titulados en Turismo e 62 en ADE. De entre eles, o conselleiro felicitou dun xeito moi especial a Jéssica Quintas Lozano e Pablo Rodríguez González, premios extraordinarios de fin de carreira do grao en ADE e en Turismo, respectivamente.

Ademais do conselleiro, no acto tamén participaron o reitor de Vigo, Salustiano Mato; o alcalde da cidade de Ourense, Jesús Vázquez Abad; os padriños académicos de ámbalas dúas titulacións e as dúas madriñas institucionais. No caso de Turismo, a madriña foi a delegada territorial da Xunta de Galicia na provincia de Ourense, Marisol Díaz Mouteira, mentres que a promoción do grao en ADE elixiu á conselleira do Grupo Coren, María Gómez Franqueira.