Política Lingüística ofrece múltiples recursos para celebrar as festas de Nadal en lingua galega

Receitas típicas, propostas de agasallos, panxoliñas e postais para felicitar as festas forman parte da oferta que se inclúe no web do departamento

Sáb, 25/12/2010 - 19:13
Un dos traballos premiados no concurso de presentacións electrónicas
Un dos traballos premiados no concurso de presentacións electrónicas

Galicia conta cunha morea de tradicións ligadas ao Nadal: especialidades na cociña, personaxes como o pandegueiro ou apalpador que agasallan os nenos, panxoliñas, contos e outras vivencias novas. Para contribuír a vivilas en galego, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través do seu web, www.xunta.es/linguagalega, puxo a disposición da cidadanía diversos recursos: receitas de pratos típicos destas datas, produtos para vestir a mesa etiquetados en galego, propostas para procurar un agasallo novo e orixinal etc.

Xunto con este espazo web dedicado ao Nadal, a Secretaría Xeral de Política Lingüística levou a cabo outras iniciativas co fin de favorecer a presenza do galego nas celebracións destas festas. Entre elas, o concurso de presentacións electrónicas de Nadal, que vén de resolver nestes días. As propostas gañadoras, elixidas entre máis de 150 traballos, xa se poden consultar en www.xunta.es/linguagalega/concurso_de_nadal_2010.

Postais electrónicas personalizadas para felicitar estas festas en
galego
Así mesmo, co fin de poder felicitar estas festas en galego, o departamento que dirixe Anxo Lorenzo puxo a disposición da cidadanía diversos modelos de postais electrónicas que poden ser personalizadas e que están accesibles en www.postaisengalego.com.

Ademais, este Nadal Política Lingüística colabora cos Reis Magos para contestar as cartas dos nenos e nenas en galego. Faino a través do Grupo Solnet, que ten en marcha un servizo (www.cartadosreismagos.com) polo cal os pais e nais poden solicitar o envío, previo pago, dunha carta personalizada para os seus fillos, asinada polos Reis Magos. Coa colaboración neste proxecto, que se materializa no asesoramento e revisión lingüística de todos os materiais ofertados en galego, a secretaría xeral quere contribuír a alimentar a ilusión dos máis pequenos e a favorecer a presenza do galego na súa comunicación cos Magos de Oriente.