Román Rodríguez reúnese coas catro agrupacións estratéxicas do SUG para coñecer as súas liñas de investigación e establecer novos retos conxuntos

O conselleiro de Cultura e Educación lembrou o apoio decidido da Xunta de Galicia á investigación universitaria, desde a etapa formativa ata a estabilización dos científicos co fin de crear unha estrutura sólida e excelente

Na xuntanza participaron o catedrático Juan Lema Rodicio, coordinador de CITA; o investigador Carlos Salgado, de AEFIS; o profesor Jaime Rodríguez González, que lidera CICA-INIBIC; e o investigador Carlos Hervés por parte de ECOBAS

Mar, 31/05/2016 - 13:57
Román Rodríguez reúnese coas catro agrupacións estratéxicas do SUG para coñecer as súas liñas de investigación e establecer novos retos conxuntos
Román Rodríguez reúnese coas catro agrupacións estratéxicas do SUG para coñecer as súas liñas de investigación e establecer novos retos conxuntos

As catro Agrupacións Estratéxicas coas que conta o Sistema Universitario de Galicia (SUG) presentáronlle hoxe ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria as súas liñas de traballo actuais, que as colocan no cumio da investigación de excelencia galega. Román Rodríguez coñeceu de preto as investigacións da Agrupación do Centro de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CITA) e da Agrupación Estratéxica de Física (AEFIS), ámbalas dúas da USC; de CICA-INIBIC, da UDC, que agrupa as capacidades do Centro de Investigacións Avanzadas e do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña; e da Agrupación Economics and Business Administration for Society (ECOBAS), da UVigo. Todas elas contan co apoio da Consellería, a través do Plan de Financiamento Universitario 2016-2020.

Ademais do conselleiro, na xuntanza participaron o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro –así como cargos da súa secretaría–; o coordinador de CITA, o catedrático Juan Lema Rodicio; o de AEFIS, o investigador beneficiario dunha Starting Grant Carlos Salgado; o coordinador de CICA-INIBIC e profesor da Facultade de Ciencias, Jaime Rodríguez González; e o investigador Carlos Hervés, que lidera ECOBAS. 

Deste xeito, o encontro enmárcase dentro da rolda de contactos que Román Rodríguez está mantendo con investigadores de referencia que desenvolven o seu traballo no SUG, para poder coñecer a súa actividade e abordar, en consecuencia, novos retos conxuntos de cara ao futuro. Neste contexto, o titular do departamento educativo do Goberno galego xa mantivo unha xuntanza cos sete investigadores galegos que actualmente contan coa selecta axuda que concede o ERC (Consello Europeo de Investigación); isto é, beneficiarios dos programas Starting Grants (StG), Consolidator Grants (CoG) e Advanced Grants (AdG). 

Sistema excelente no panorama internacional

No transcurso da reunión, Román Rodríguez lembrou o apoio decidido da Xunta de Galicia á investigación universitaria, tanto desde a etapa formativa ata a consolidación e estabilización dos científicos. A maiores, recordou o respaldo aos grupos de investigación e ás estruturas de referencia como as agrupacións estratéxicas, que redundan na constitución dun sistema galego de investigación sólido e excelente que poida competir e liderar ámbitos de coñecemento no panorama internacional.

CITA: busca de tecnoloxías ambientais sostibles

A USC conta actualmente con dúas Agrupacións Estratéxicas, CITA e AEFIS. A Agrupación do Centro de Investigación en Tecnoloxías Ambientais está composta por 8 grupos da USC que desenvolven a súa actividade nas facultades de Bioloxía, Física, Psicoloxía, Química, no Instituto de Investigacións Tecnolóxicas e na Escola superior de Enxeñaría. Trátase dunha estrutura que conta co apoio de 13 empresas e institucións, polo que se atopa intimamente ligada ao territorio e ao entorno produtivo.

De feito, pretende consolidar un Centro de investigación que sexa referencia no desenvolvemento e avaliación de tecnoloxías ambientais sostibles, que permitan minimizar impactos e riscos e que recuperen recursos en procesos que sexan económica, social e ambientalmente sostibles.

AEFIS: avance industrial e sanitario

Pola súa banda, AEFIS está conformada por 5 grupos de Física da USC, 10 investigadores da USC, un da UVigo e un grupo da UDC. Tamén  participa o laboratorio de óptica do campus de Ourense. A actividade dos seus investigadores terá, por unha parte, aplicacións en tecnoloxía facilitadoras básicas que axuden na diversificación de sectores industriais e, por outra, en aplicacións na diagnose e tratamento de enfermidades.

CICA-INIBIC: referencia nos novos eidos científicos

Na Universidade da Coruña (UDC) desenvolve a súa actividade a agrupación CICA-INIBIC, cuxa posta en marcha constitúe unha aposta pola creación dun polo de investigación que poña en valor a ciencia básica en química, bioloxía e medicina a as súas aplicacións nos campos de novos materiais, a biotecnoloxía, o medio ambiente e a biomedicina.

ECOBAS: constitución dun polo económico

Constituída por 11 grupos da UVigo e un da UDC que agrupan a 135 investigadores/as, ECOBAS pretende unificar e consolidar a colaboración entre grupos de investigación de referencia no ámbito da economía e a empresa, para maximizar o impacto académico, económico e social das súas actividades de I+D+I. O obxectivo último pasa por conformar un polo de excelencia con capacidade de asumir novos retos dun xeito multidisciplinar e colaborativo.