O programa de dinamización lingüística Bocaberta despide o 2010 co mellor da maxia e da música en lingua galega

Política Lingüística leva as actividades Detrás da canción, Canta música!, Ola, ola, la! e Atrapado na torre a oito concellos galegos na última semana do ano

Lun, 27/12/2010 - 14:53
Ola, ola, la!
Ola, ola, la!

Maxia e música daranlle a despedida ao 2010 en Bocaberta, o programa que leva a cabo a Secretaría Xeral de Política Lingüística para promover o uso do galego entre os máis novos. Pop para adolescentes, obradoiros musicais para os máis pequenos e os trucos de maxia máis enxeñosos para achegarse á lingua galega son a proposta do departamento da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para rematar o ano.

Os mozos e mozas dos 12 aos 18 anos son o público ao que vai destinada a actividade  Detrás da canción, un proxecto levado a cabo pola empresa Eme2 no que se xuntan dous grupos de pop galego, Projecto Mourente e The Homens. O primeiro é o encargado de dirixir un obradoiro no que se aprende a compoñer, gravar e difundir cancións con equipo e programas caseiros; o segundo pon o fin de festa á actividade cun concerto acústico. Con estas premisas, Detrás da canción estará hoxe Allariz, mañá A Cañiza e o mércores Ponteareas.

Bocaberta non esquece tampouco esta semana as cancións e a diversión para os máis pequenos, destinatarios do obradoiro Canta música!, que visitará Poio o mércores e Vilanova de Arousa o xoves. Trátase dunha actividade coordinada por Pablo Díaz e Olga Kirk, quen con cunchas, pandeiretas e outras percusións, fan gozar os nenos e nenas con cancións tradicionais galegas, trabalinguas, adiviñas e outros xogos lingüísticos. Para público dos 4 aos 8 anos está tamén destinado o obradoiro musical Ola, ola, la!, que se celebra hoxe en Verín.

Ademais de ritmo e cancións, a semana de Bocaberta levará por Galicia o mellor da maxia con Atrapado na torre, o espectáculo no que o mago Chrystian Magic pon de relevo valores como o esforzo, o traballo e o amor pola lingua a través dos trucos máis enxeñosos para os máis pequenos.

Máis información nas redes sociais

Bocaberta visitará nesta última semana do 2010 oito concellos. Para máis información de horarios e localizacións, o programa conta cun boletín semanal, accesible desde o web http://www.xunta.es/linguagalega/bocaberta. Ademais, co obxectivo de ligar as actividades ao público infantil e xuvenil ao que van dirixidas, puxéronse en funcionamento canles de Bocaberta nas principais redes sociais de internet (Facebook, Twitter e Tuenti).

Actividades de dinamización lingüística en todos os concellos galegos

Bocaberta é un programa co que a Secretaría Xeral de Política Lingüística levará a todos os concellos de Galicia, ata o próximo mes de maio, un total de 747 actividades, destinadas a fomentar o uso do galego entre os mozos e mozas entre 3 e 18 anos. A música pop, a maxia, a banda deseñada, os obradoiros de escrita e de oralidade ou as novas tecnoloxías centran as actividades deste programa, que a Secretaría Xeral de Política Lingüística leva a cabo en colaboración con 14 entidades, entre as que se atopan editoriais, discográficas, empresas de dinamización propiamente dita e artistas

Menús News node R

Tema