Educación concede a matrícula de balde a 192 estudantes de segundo e posteriores cursos do Sistema Universitario Galego
A Consellería atendeu a totalidade das solicitudes que cumprían cos requisitos establecidos
Estas bolsas veñen a cubrir o oco do alumnado que, por número de créditos, quedou fóra das axudas de carácter xeral convocadas polo Ministerio de Educación desde 2012
Un total de 192 estudantes que actualmente cursan 2º ou posteriores cursos no Sistema Universitario Galego (SUG) teñen este ano a matrícula de balde grazas á convocatoria de axudas establecida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
O departamento educativo da Xunta vén de resolver a convocatoria das axudas deste ano, que pode consultarse no portal web da Consellería: http://www.edu.xunta.gal/portal/node/19061 .
Cómpre salientar que a Consellería -que tiña disposto un orzamento global inicial de 200.000 euros a esta liña- atendeu á totalidade das solicitudes que cumprían cos requisitos esixidos na convocatoria. Isto é, un total de 192 estudantes universitarios, dos cales case o 72 por cento son mulleres e o 28 por cento restantes homes.
Estas bolsas impulsadas pola Consellería veñen a cubrir o oco do alumnado de segundo e posteriores cursos pertencente á rama de coñecemento de Ensinanzas Técnicas (enxeñaría ou arquitectura), que ten superado un número de créditos igual ou superior ao 60% e menos do 65% e o pertencente ás ramas de Artes e Humanidades ou de Ciencias Sociais e Xurídicas, que ten superado un número de créditos igual ou superior ao 80% e menos do 90%, que quedou fora das bolsas de carácter xeral do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte ao cambiaren os requisitos académicos no curso 12-13. Deste xeito o departamento educativo da Xunta reforza o seu apoio aos universitarios galegos e garante a igualdade de oportunidades no acceso aos estudos superiores.
A dotación máxima asinada a cada beneficiario oscila entre un máximo de 862,90 euros para as titulacións encadradas dentro da rama de Enxeñaría e arquitectura e grao en Belas Artes, e un máximo de 618,10 euros para as titulacións encadradas dentro da rama de Artes e Humanidades e Ciencias Sociais e Xurídicas.