Arredor do 90% dos centros e do 60% do alumnado participaron hoxe na primeira parte da avaliación de 3º de primaria en Galicia

Os datos, polo de agora provisionais, van na mesma liña que a avaliación de 6º
Como xa quedou demostrado o curso pasado, esta proba é un complemento no proceso de aprendizaxe e de ensino que ten como finalidade anticiparse na resolución de posibles problemas que se detecten e aplicar medidas correctoras para atallalos
Mar, 24/05/2016 - 13:57

A avaliación de 3º de Educación Primaria que se realiza entre hoxe e mañá en Galicia estase a desenvolver de xeito moi similar á avaliación de 6º de hai dúas semanas. É dicir, que arredor do 90% dos centros e o 60% por cento do alumnado de 3º de Educación Primaria participaron hoxe na primeira xornada da proba de 3º que se desenvolve por segundo ano consecutivo. Estas porcentaxes son estimacións provisionais segundo os datos facilitados polos equipos directivos e a inspección educativa, unha vez recompilada a información ao respecto centro por centro.

Fronte aos chamamentos ao boicot e á insubmisión por parte de determinadas organizacións, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria reitera que está actuando con responsabilidade ante o cumprimento dunha normativa básica, do mesmo xeito que o fixo na aplicación da anterior lei socialista, coa que se realizaron avaliacións de diagnóstico de 4º de Primaria desde o ano 2009 ata o pasado curso con total normalidade.

Cómpre salientar, unha vez máis, que os resultados desta avaliación non teñen efectos sobre o expediente académico dos nenos e nenas, e que a Consellería en ningún caso vai facer ránking de centros, como xa quedou demostrado o ano pasado.

Esta avaliación debe entenderse como unha ferramenta metodolóxica máis, que complementa a avaliación continua e que axuda aos centros educativos e ás familias a ter información adicional sobre a evolución dos seus fillos e fillas. Polo tanto, estes datos axudan a detectar carencias e debilidades do sistema e, deste xeito, serven para implementar medidas de mellora que benefician ao conxunto da comunidade educativa. Proba diso é que neste curso a Consellería asinou contratos-programa nun total de 69 centros de Primaria para desenvolver plans de mellora directamente vinculados aos seus resultados nas avaliacións individualizadas de 3º.