Cultura e Educación destina preto de 600.000 euros á dotación e mellora das bibliotecas escolares no vindeiro curso 2016-2017

Está previsto que se incorporen ao PLAMBE 40 novos centros, polo que o número total de colexios beneficiados por este Plan elévase a 615

A Consellería financia a adquisición de novos fondos documentais, a dotación de mobiliario e equipamento e gastos de funcionamento destes espazos de lectura

Sáb, 14/05/2016 - 12:00

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destinará un total de 593.500 euros ao Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares (PLAMBE) nos centros escolares galegos sostidos con fondos públicos para o vindeiro curso 2016-2017.

Este investimento, autorizado polo Consello da Xunta, permitirá apoiar a continuidade deste programa nos 575 centros xa adheridos ao mesmo e, ademais, financiar a incorporación doutros 40 novos centros no próximo curso, polo que o número total de centros beneficiados ascenderá a 615.

Ao abeiro do PLAMBE, a Consellería de Cultura e Educación establece contías concretas destinadas a conceptos como a asignación de fondos, dotación de mobiliario e equipamento e gastos de funcionamento, entre outros.

Deste xeito, no caso dos centros integrados no programa con anterioridade ao ano 2014, recibirán asignacións para a incorporación de novos fondos aos seus espazos de lectura; mentres que os centros incorporados na convocatoria do ano pasado poderán recibir, a maiores, financiamento para adquisición de mobiliario e dotación ou renovación de equipamentos básicos, así como para gastos de funcionamento específicos.

Así mesmo, financiarase a incorporación dun total de 40 novos centros escolares dos cales un máximo de dez poderán ser centros concertados, que se suman por primeira vez a esta convocatoria. No caso dos centros de nova incorporación, para todos eles as asignacións ou axudas irán destinadas á actualización de fondos documentais, renovación de mobiliario e outros equipamentos necesarios e para gastos de funcionamento.

Mellora da calidade nos procesos de aprendizaxe e ensino

Con esta iniciativa, a Consellería de Cultura e Educación reafirma a súa aposta pola mellora e modernización do sistema educativo a través da biblioteca escolar entendida como un elemento estratéxico de innovación pedagóxica. Unha biblioteca escolar activa e renovada contribúe a ampliar a calidade dos procesos de aprendizaxe e de ensino e resulta un instrumento importante tanto para o profesorado como para o alumnado na consecución do éxito escolar.

A este obxectivo responde o PLAMBE, enmarcado no Plan LÍA de bibliotecas escolares para a lectura, a información e a aprendizaxe (actualmente estase a traballar na segunda fase deste plan), xa que busca poñer en valor a importancia da biblioteca escolar dentro dos centros de ensino, posto que se trata de espazos onde o alumnado consolida o seu hábito lector ao mesmo tempo que adquire outras competencias clave. Tamén serven de canle para a integración das tecnoloxías da información e da comunicación nos diferentes centros, ofrecendo a posibilidade dun acceso igualitario aos bens culturais; e favorecen a alfabetización múltiple, entendida como a “comprensión, utilización e avaliación crítica de diferentes formas de información, incluídos os textos e imaxes, escritos, impresos ou en versión electrónica”, segundo o establecido no documento do Consello da Unión Europea do 26 de novembro de 2012.  

Porcentaxes de participación

Segundo as cifras do curso pasado, no 94% dos centros PLAMBE, o alumnado fai uso cotián da biblioteca para potenciar a súa aprendizaxe. Ademais, no 91% están integradas as TICs nas diferentes actividades, no 84% dedícase un tempo específico para a lectura en horario lectivo (denominado ‘hora de ler’) e no 81% promóvense proxectos de innovación educativa.   

A maiores, estes espazos fomentan a implicación das familias. De feito, o 51% das bibliotecas con PLAMBE organizan actividades destinadas especificamente ás familias do alumnado, mentres no 54%, os familiares colaboran directamente en iniciativas da propia biblioteca.