O 90% dos centros e o 60% do alumnado participaron hoxe con normalidade na primeira parte da avaliación final de 6º de primaria en Galicia

O conselleiro de Cultura e Educación cualificou de “moi razoables” estes datos tendo en conta o escenario de chamamento ao boicot e a insubmisión por parte dalgunhas organizacións

Román Rodríguez reitera que esta proba non conta para o expediente académico do alumno nin, en ningún caso, se vai establecer ránquing de centros, polo que quen insistiron nestas ideas “deben pedir desculpas”

Insistiu en que a Consellería -ao realizar estas probas- actúa con responsabilidade e atendendo o mandato democrático establecido nas leis

Os resultados destas probas serven para detectar eivas tanto nos procesos de ensino coma de aprendizaxe e permiten á Administración e aos centros implementar medidas máis axeitadas para atallar esas carencias e garantir un ensino de calidade e a igualdade de oportunidades de todos os nenos e nenas

Mér, 11/05/2016 - 16:09

O 90% dos centros e o 60% por cento do alumnado de 6º de Educación Primaria participaron hoxe con normalidade na primeira xornada da avaliación final de Primaria que se establece por primeira vez este ano. Estas porcentaxes son estimacións provisionais segundo os datos facilitados polos equipos directivos e a inspección educativa, unha vez recompilada a información ao respecto centro por centro.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, cualificou de “moi razoables” estes datos, máxime tendo en conta o escenario “de tensión e os chamamentos constantes ao boicot e á insubmisión” por parte de algunhas organizacións durante as últimas semanas; e celebrou que finalmente prevalecera o “sentido común” das familias, que maioritariamente enviaron aos seus fillos e fillas aos centros escolares con total normalidade.

O titular do departamento de Educación reiterou que os datos obtidos nesta avaliación sirven para detectar carencias e debilidades do sistema educativo, tanto no proceso de ensino coma no de aprendizaxe, e, deste xeito, poder implementar medidas máis axeitadas para corrixir esas debilidades e garantir a igualdade de oportunidades para “que ningún neno nin nena se quede atrás”. Segundo Román Rodríguez “cremos firmemente na igualdade de oportunidades, e todas aquelas medidas que van orientadas a fomentar unha cultura do esforzo e tamén a dispoñer de información para implementar accións que permitan corrixir debilidades, son positivas”.

Esta avaliación debe entenderse como unha ferramenta metodolóxica máis, que complementa a avaliación continua e que axuda aos centros educativos e ás familias a ter información adicional sobre a evolución dos seus fillos e fillas. E está pensada sobre todo para mellorar o sistema educativo. De feito, o conselleiro lembrou que, a raíz da proba de 3º do ano pasado, a Consellería asinou contratos-programa nun total de 69 centros de Primaria para desenvolver plans de mellora directamente vinculados aos seus resultados en ditas probas, e todos eles dispoñen dun docente externo de apoio.

Nese sentido, o titular de Educación lamenta a “postura egoísta” de determinadas formacións políticas e sindicais “que pensan máis nos seus propios intereses que no beneficio dos alumnos e alumnas” e as “medias verdades” que se encargaron de difundir sobre que se ían facer ránquing e que contaban no expediente. “Dixemos mil e unha vez que non vai haber ránquing -subliñou o conselleiro- e que non computa na nota media do alumno”. Polo que quen insistiron nestas ideas “deben pedir desculpas” porque -engadiu- “ou son inconscientes ou mentían”.

Coa aplicación destas probas, Román Rodríguez insistiu, por tanto, en que o Goberno galego está actuando con responsabilidade e atendendo ás normas dun estado democrático.