Anxo Lorenzo apela á responsabilidade lingüística das empresas para que incorporen o galego nas súas actividades

O secretario xeral de Política Lingüística participou esta mañá no acto de conmemoración do 85º aniversario do primeiro Congreso de Economía de Galicia

Lun, 20/12/2010 - 12:18

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, apelou á “responsabilidade lingüística das empresas que traballan ou teñen o seu mercado en Galicia para que incorporen o uso do galego ás súas actividades”. “Trátase –dixo– dunha parte esencial da súa responsabilidade social co territorio no que están radicadas”.

Así se expresou o secretario xeral durante a inauguración do acto de conmemoración do 85º aniversario do primeiro Congreso de Economía en Galicia, que se celebra hoxe no Círculo das Artes de Lugo.

Anxo Lorenzo incidiu durante a súa intervención na “influencia que exerce a estrutura económica dunha realidade social calquera na cidadanía e, nese sentido, destacou o factor económico como determinante, en boa medida, das actitudes e dos comportamentos lingüísticos. “Non é estraño, xa que logo –continuou o secretario xeral–, que ocupasen un lugar protagonista no congreso de 1925 varias persoas do mundo do galeguismo como Vicente Risco, Antón Losada Diéguez ou Antón Vilar Ponte, pois sabían ben que, no novo marco socioeconómico, a vitalidade e mantemento dos elementos que definían a cultura de noso dependían da posición que os galegos e galegas ocupaban no sistema económico”.

“O galego deixou de percibirse como un obstáculo para o avance social”

Ao fío disto, o responsable de Política Lingüística recordou que, a diferenza da situación que se vivía en 1925, a realidade socioeconómica hoxe é ben distinta, ao igual que a consideración da lingua galega, “que deixou de percibirse como un obstáculo para o avance social”. “Cada vez son máis as empresas que entenden que o galego é rendible en termos económicos porque, como se vén demostrando, a proximidade lingüística cos consumidores xera empatía e favorece a cordialidade e o afianzamento nas relacións comerciais e de empresa”, asegurou Anxo Lorenzo.

Xunto con Anxo Lorenzo tamén asistiron á inauguración do acto o alcalde de Lugo, Xosé Clemente López Orozco; o fiscal superior de Galicia, Carlos Varela García; a presidenta do Grupo El Progreso, Blanca García Montenegro; e mais o presidente do Foro Enrique Peinador –entidade promotora do acto–, Xosé González Martínez; o subdelegado do Goberno en Lugo, José Vázquez Portomeñe; e o presidente da Deputación Provincial de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, entre outros.

A importancia do ámbito socioeconómico na extensión do uso social do galego

Para acadar unha maior extensión do uso do galego, o ámbito socioeconómico é un piar fundamental. Por iso, a Secretaría Xeral de Política Lingüística está a potenciar a incorporación do idioma a este sector a través de diversas iniciativas, entre elas, a colaboración con entidades como a Confederación de Empresarios de Galicia, o Foro Enrique Peinador, a Federación de Autónomos de Galicia, a Asociación de Profesionais Compostela Monumental ou a Asociación Hostelería Compostela.

Menús News node R

Departamento

Colectivo